A Laracha presenta a maior taxa de doazón de sangue da comarca de Bergantiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Baixo o lema “O teu sangue é vida. Compártea” foi presentada hoxe no salón de Plenos da Laracha a campaña de verán de doazón de sangue, que desenvolverá, como cada ano, o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) co impulso e a colaboración que se prestará desde o Concello.

José Manuel López Varela, Alcalde da Laracha, e Antonio Carcedo, responsable da unidade de promoción do Centro de Transfusión de Galicia, presentaron en rolda de prensa a iniciativa acompañados por Rocío López, concelleira de sanidade, e Elba Pillado, responsable de comunicación do CTG.

Os datos do Centro de Transfusión de Galicia indican que Concello da Laracha presentou no ano 2014 a taxa máis alta da comarca de Bergantiños, alcanzando as 46 doazóns por cada mil habitantes (por encima da media de Galicia, que se sitúa en 40). En total, no exercicio pasado alcanzáronse no noso municipio as 523 doazóns, rexistrándose un incremento do 9% con respecto ao ano anterior.

Estas cifras larachesas cobran especial relevancia tendo en conta que en Galicia se produciu unha baixada na taxa de doazón do 2,52%. Por iso Antonio Carcedo agradeceu a solidariedade dos veciños do Concello, pero lembrou que se trata de datos de 2014 e que, por tanto, “son do pasado, e agora temos que centrarnos en manter ou aumentar estes números no presente e no futuro”. 

O responsable do CTG afirmou que a nivel xeral en Galicia “non lembro un ano e un verán máis complicados que o actual, no que as reservas de todos os grupos sanguíneos están en alerta” e concluíu manifestando que é compatible poder doar a última hora da tarde e tras unha xornada na praia ou na piscina sempre e cando se superen as probas previas de tensión e niveis de hemoglobina que o persoal médico realiza aos doadores na propia unidade móbil, porque “garantir a saúde das persoas que van doar é o primeiro”. Os outros requisitos son ser maior de idade e pesar máis de cincuenta quilos. Por último, agradeceu “a colaboración que sempre nos presta o Concello da Laracha ao longo de todo o ano”. 

José Manuel López Varela pediu e agradeceu a “solidariedade dos veciños do municipio” cun xesto co que “se axuda a salvar vidas”. O rexedor municipal lembrou que o Concello colocou bandos nas instalacións públicas e que está en marcha unha campaña de buzoneo no casco urbano da Laracha –na que se repartirán en torno a dúas mil cartas nas vivendas- que se estenderá nos próximos días a Paiosaco, Caión e a determinadas urbanizacións doutras parroquias.

Co propósito de facilitar e promover a doazón de sangue no municipio, todos os meses do ano desprázase ata a Praza do Concello da Laracha unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia. O martes e o mércores da semana que vén (días 28 e 29 de xullo) estará en horario de 10:00 a 14:00 h pola mañá e de 16:00 a 21:00 h pola tarde.

No mes de setembro, en datas aínda por concretar, estarán en Paiosaco e en Caión.

23 de xullo de 2015 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.