A III Ruta de Autocaravanas Yakart partirá da Coruña con 65 vehículos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Ruta de Autocaravanas Yakart comeza o sábado 1 de agosto a súa terceira edición. A saída darana o concelleiro de Culturas e Deporte, José Manuel Sande, e o presidente do Caravaning Club Yakart, que organiza a proba, ás 10.00 horas na Torre de Hércules. Os vehículos comezarán a concentrarse hoxe, durante todo o día, na área de autocaravanas que hai ao pé do faro, especialmente durante a tarde, cando chegarán a maioría dos participantes. A primeira xornada levará aos 65 vehículos e 150 persoas que formarán parte da experiencia, até Fisterra, onde está prevista a chegada ás 12.30 horas, aproximadamente. As seguintes paradas serán Muxía, Guitiriz, Ribadavia, A Guarda, Vigo, Cambados e Santiago, onde culminará a ruta, coa visita á Catedral o domingo 9 de agosto.

As novidades da presente edición inclúen a organización, que se fará a partir de agora a través dunha organización sen ánimo de lucro, o Caravaning Club Yakart, e a visita dos autocaravanistas ás Cíes, que se realiza por primeira vez. En total, 670 quilómetros que permitirán aos participantes percorrer as catro provincias galegas e facer turismo dunha maneira diferente.

Durante a presentación, no Real Club Náutico da Coruña, o presidente do Caravaning Club Yakart, Antonio Jul, asegurou que “o obxectivo é atraer xente a Galicia e potenciar este tipo de turismo”. Jul destacou o éxito que cultiva cada edición a ruta: “O primeiro ano fomos 50 autocaravanas; o segundo, 40 e este xa somos 65 –explicou– e non puidemos levar máis porque temos un tope pola xente que podemos meter para cea-baile que organizamos no barco en Cambados; mesmo quedaron doce en lista de espera”.

Áreas de autocaravanas

A expedición servirá este ano para inaugurar a área de Fisterra, de xestión privada, que se suma desta maneira ao centenar de zonas destinadas a autocaravanas que existen xa en toda Galicia. É a comunidade onde existen máis espazos de estacionamento deste tipo, coa excepción de Vigo, onde aínda non se creou. Sobre o turismo deste tipo, Antonio Jul asegura que non prexudica para nada ao sector hoteleiro: “O que nos gusta é vivir en liberdade e non adoitamos ir a hoteis; o que si gastamos é en gasolina, ir ao supermercado e, por norma, céase ou se come na autocaravana pero una das comidas sempre se fai fóra, así que tamén é bo para os restaurantes”. 

31 de xullo de 2015 | 11:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.