A III Ruta de Autocaravanas Yakart bate marcas de participación con 65 vehículos e 150 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A Ruta de Autocaravanas Yakart chega á súa terceira edición con marca de participación: 65 vehículos e 150 persoas participarán da experiencia, que arrinca o venres 31 de xullo na Coruña, de onde sairá o sábado 1 de agosto, e chegará o 9 a Santiago, tras percorrer 18 concellos, con Fisterra, Muxía, Guitiriz, Ribadavia, A Guarda, Vigo e Cambados como puntos finais e de saída.

As novidades da presente edición inclúen a organización, que se fará a partir de agora a través dunha organización sen ánimo de lucro, o Caravaning Club Yakart, e a visita dos autocaravanistas ás Cíes, que se realiza por primeira vez. En total, 670 quilómetros que permitirán aos participantes percorrer as catro provincias galegas e facer turismo dunha maneira diferente.

O presidente do Caravaning Club Yakart, Antonio Jul, asegura que “o obxectivo é atraer xente a Galicia e potenciar este tipo de turismo”. Jul destaca o éxito que cultiva ano tras ano a ruta: “O primeiro ano fomos 50 autocaravanas; o segundo, 40 e este xa somos 65 –explica– e non puidemos levar máis porque temos un tope pola xente que podemos meter para a cea-baile que organizamos no barco en Cambados; mesmo hai doce en lista de espera”.

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, agradeceu a Antonio Jul a iniciativa. “A promoción turística é sempre interesante a todos os niveis e en todos os sectores e cómpre subliñar o feito de que sexamos máis receptores que emisores deste tipo de turismo”, afirmou. Ademais, Lema tamén destacou “a oportunidade que supón para atraer recursos para Galicia e para coñecer o resto do país tendo A Coruña como porta de entrada”.

Áreas de autocaravanas

A expedición servirá este ano para inaugurar a área de Fisterra, de xestión privada, que se suma desta maneira ao centenar de zonas destinadas a autocaravanas que existen xa en toda Galicia. É a comunidade onde existen máis espazos de estacionamento deste tipo, coa excepción de Vigo, onde aínda non se creou. Sobre o turismo deste tipo, Antonio Jul asegura que non prexudica para nada ao sector hoteleiro: “O que nos gusta é vivir en liberdade e non adoitamos ir a hoteis; o que si gastamos é en gasolina, ir ao supermercado e, por norma, céase ou cómese na autocaravana pero una das comidas sempre se fai fóra, así que tamén é bo para os restaurantes”.

Perfil

O 95% dos participantes proceden de fóra de Galicia, de todas as comunidades autónomas, aínda que tamén hai dúas autocaravanistas que chegan desde Portugal e mesmo un que vén de Uruguai. Moitos están xa xubilados e as idades oscilan entre os 55 e os 70 anos. O prezo por participar é de 450 euros por autocaravana (inclúe dúas persoas con todas as ceas e eventos pagos) e o consumo aproximado de gasóleo durante toda a ruta é duns 110 euros.

O perfil deste tipo de viaxeiro é o dunha persoa de nivel económico medio-alto e, de feito, é o turismo que máis creceu durante os últimos anos. En Alemaña, o 45% da poboación viaxa en autocaravanas, mentres que en España esta porcentaxe é aínda baixo, do 16%. 

27 de xullo de 2015 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.