A Garda Civil rescata a catro xóvenes no río Tea
A Garda Civil rescatou a catro persoas no río Tea na madrugada de onte. Os mozos quedaron estancados nunha zona de pedras e fervenzas que lles impide desprazarse na barca inchable que estaban a utilizar. Ademais na zona non había cobertura de telefonía móbil polo que era imposible establecer comunicación telefónica con eles ou que as vítimas puidesen solicitar auxilio.
A alerta do familiar dun dos mozos permitiu que se puxese en marcha o dispositivo de auxilio humanitario, localización e rescate dos mozos. Tres patrullas da Garda Civil despregáronse pola zona e realizaron batidas por varios tramos do Tea, xa que se sabía que ían pasar o día na praia fluvial de Maceira. Peiteáronse sen éxito as zonas de Lourido, Maceira, Redondo e Barciademera.
Ante a falta de resultados os axentes optan por penetrarse no monte e localizan un camiño de terra. Ben entrada a noite e para tentar chamar a atención das vítimas, puxeron as sirenas e rotativos dos vehículos oficiais para dar un punto de referencia aos mozos. Tras varias horas de rastrexo, deron coas vítimas e, alertados polos seus berros de auxilio, puideron localizalos e ser rescatados.
Os catro foron evacuados do lugar en boas condicións e non precisaron asistencia médica aínda que presentaban leves síntomas de hipotermia.











