A Fundación anima aos veciños de Vilagarcía a practicar deporte en verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Fundación Municipal de Deportes anima aos vilagarciáns maiores de 16 anos a practicar deporte tamén no verán a través das actividades gratuítas para adultos que comezan hoxe e que se desenvolverán a diario ata finais do mes de agosto. No recinto de Fexdega e ao aire libre, na praia da Compostela, os monitores da Fundación impartirán sesións de aerobic, bádminton, ioga e ximnasio de mantemento, todas elas en horario de mañá. Non é preciso inscribirse.

Como cada 1 de xullo e ata o 31 de agosto, a Fundación Municipal de Deportes inaugura a programación de verán coas actividades deportivas para adultos. As sesións de bádminton e de aerobic celebraranse nas instalacións de Fexdega os martes e xoves. As clases de bádminton impartiranse de 9 a 10 da mañá e as de aerobic de 10 a 11 e de 11 a 12.

Os afeccionados ao ioga tamén poderán continuar con esta actividade en verán, xa que a Fundación mantén a actividade que pasa a celebrarse nas instalacións de Liceo Casino os luns e mércores en horario de 9 a 10 e de 10 a 11 da mañá.

Por último, as sesións de ximnasia de mantemento realizaranse ao aire libre, na Praia de Compostela todos os días, de luns a venres e en horario de 9 a 10 e de 10 a 11 horas.

Coa programación de verán, a Fundación que preside Argimiro Serén segue a traballar na liña de favorecer e fomentar o “Deporte para todos”, dun xeito lúdico e co obxectivo de promover unha vida saudable entre as persoas de todas as idades.

120 nenos comezan as actividades infantís

Tamén hoxe comezaron as actividades deportivas infantís: As Escolas Multideportivas de Verán, que se celebran na Praia da Concha-Compostela, e a de Patinaxe en liña que se imparte no pavillón do colexio Arealonga. O número de alumnos inscritos para o mes de xullo ascende a 120 nenos e nenas de entre 7 e 14 anos. Os rapaces que desexen participar nalgunha das actividades aínda están a tempo de anotarse para o mes de agosto.

Ámbalas dúas actividades están destinadas a nenos e nenas de 7 a 14 anos e levaranse a cabo de luns a venres en horario de 10 a 13 horas.

1 de xullo de 2015 | 11:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.