publicidade hoxe

A feira Corazón da Artesanía de Agolada pecha a súa cuarta edición con 8.000 visitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLocal Portada
A-
A+

Máis de 8.000 persoas visitaron desde o pasado venres e ata onte domingo en Agolada o Corazón da Artesanía. IV Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que pechou a súa cuarta edición superando o número de visitantes de edicións anteriores, así como o volume de vendas tanto nos postos de venda de artesanía e demostración en vivo de oficios como nos dedicados aos produtos agroalimentarios de calidade. Consolídase así como referente anual do sector artesán galego o encontro que durante toda a fin de semana encheu de novo de vida o conxunto histórico-artístico dos Pendellos, cun programa no que artesanía, gastronomía e música foron da man.

Entre as actividades que espertaron especialmente o interese dos visitantes estiveron, ademais das diferentes actuacións musicais, como os concertos de Guadi Galego, Odaiko e a Magnifique Bande dos Homes sen Medo ou Brincadeira, as diferentes demostracións en vivo de oficios, como as de cerería, tornaría de madeira, follalataría, téxtil ou elaboración de moscas para a pesca.

Máis de 500 persoas participaron nas diferentes actividades para iniciarse na artesanía tanto para adultos como para nenos e nenas, coa posibilidade de probar a utilizar o torno de oleiro, aprender a facer cestos ou colaborar na elaboración dunha peza colectiva de patchwork, ademais dos obradoiros de origami ou reciclaxe para os máis pequenos. O Encontro, pensado tanto para o público xeral como para os profesionais e especialistas, reuniu a máis de 50 profesionais de diferentes disciplinas nos workshops cursos especializados.

Ademais, o Corazón da Artesanía permitiu tamén abrir novas vías de colaboración e oportunidades de negocio para os artesáns e emprendedores participantes. Neste sentido, cabe destacar que a empresa HP France, cuxo xefe de vendas visitou a feira xunto con dúas xornalistas da compañía, distribuirá pezas de Artesanía de Galicia nas súas tendas en Xapón, Estados Unidos e Francia.

Por outra banda, a iniciativa Artesanía no Prato, que cubriu unha vez máis todas as prazas dispoñibles, achegou a artesanía ás propostas da nova cociña galega, con showcookings a cargo de cociñeiros do Grupo Nove presentados en pezas de Artesanía de Galicia nos que se empregaron produtos de gastronomía á venda no propio Encontro.

A posta en marcha do IV Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, Corazón da Artesanía, forma parte do Plan de Artesanía de Galicia, que persegue conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

6 de xullo de 2015 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.