A escola de verán con comedor desenvolverase no Colexio Manuel Rivero
O tenente alcalde e concelleiro de Servizo Sociais, Nicolás González Casares, informou hoxe de que a Escola de Verán con servizo de comedor se realizará finalmente no Manuel Rivero e non no Xesús Golmar, como estaba previsto nun principio.
O cambio foi notificado nas últimas horas pola Consellería de Educación Cultura e Ordenación Universitaria, nunha resolución na que se autoriza a utilización por parte do concello dos comedores escolares durante o verán.
A alteración non terá ningunha consecuencia para o funcionamento da Escola de Verán, que seguirá o mesmo programa que estaba previsto. Así, o número de prazas dispoñibles non se ve perturbado e continuarán sendo ata 80 os comensais con acceso ao servizo. As actividades educativas e lúdicas tamén seguirán o guión previsto e non sufrirán ningún tipo de cambio.
González Casares recorda que o prazo para preinscribirse na Escola de Verán xa está aberto. As familias interesadas poden recadar información e presentar as solicitudes pertinentes nas oficinas municipais de Servizos Sociais, no Concello.











