A empresa viguesa Naffta viste aos equipos nacionais de Copa Davis e Copa Federación
Naffta presentou hoxe o equipamento que vestirán os equipos españois de Copa Davis e Copa Federación de Tenis durante un acto que tivo lugar na Estación Marítima de Vigo e que contou coa presenza do conselleiro delegado de firma, Miguel Sainero, o secretario xeral para o deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, o novo presidente da Real Federación Española de Tenis (RFET), Fernando Fernández-Ladreda, e o director xeral da institución, Marcos Romagosa.
O novo equipamento, que se estreará no encontro entre Rusia e España -na pista do Festisov Area, na cidade Rusa de Vladivostok, o próximo 17 de xullo-, está composta por un conxunto de adestramento e outro de paseo, confeccionados con tecidos coidadosamente seleccionados para afrontar o desgaste dos partidos de alta competición e achegar, ao mesmo tempo, o confort, a seguridade e a mobilidade que necesita o xogador.
Naffta decantouse por tecidos de tacto suave e agradable, e que dispersan a suor e as concentracións de calor corporal, dúas calidades que favorecen ademais o secado rápido das pezas e contribúen a potenciar a sensación de benestar e a comodidade do deportista durante todo o partido. Tamén incorpora teas desenvolvidas a base de microfibras e creadas para mellorar o microclima do xogador e o seu rendemento deportivo, actuando directamente sobre a transpirabilidade da peza –absorbe a suor do corpo e controla a humidade -, e a liberdade de movementos do xogador.
En canto ao deseño, de liñas suaves e elegantes, destaca como cor predominante o vermello da bandeira española, símbolo de vitalidade, forza e enerxía, combinado co branco no equipamento de xogo e con azul mariño na de paseo. Os equipamentos manteñen detalles característicos do patronaxe de Naffta e do seu estilo vangardista, orientado a ofrecer o máximo grao de esixencia técnica e confort, como costuras lisas e baixas que melloran a suxeción e evitan as rozaduras na pel, cinturas reforzadas que protexen o abdome ou petos ocultos que melloran o agarre da pelota durante o partido.
Ademais dos equipos españois de Copa Davis e Copa Federación de Tenis, Naffta equipará durante os dous próximos anos, e segundo o acordo rubricado coa Real Federación Española de Tenis o pasado mes de xaneiro, tamén aos equipos sub-12, sub 14, sub 16 e sub 18, ao equipo de tenis en cadeira de rodas e ás seleccións femininas e masculinas de veteranos, árbitros e corpo técnico que representen a España en competicións europeas e mundiais.
Como parte do acordo, Naffta comercializará as pezas a través da súa tenda online www.naffta.com e tamén en puntos de venda, baixo o nome de “Colección RFET-Naffta”.
Durante a presentación, o conselleiro delegado de Naffta, Miguel Ángel Sainero, resaltou o “entusiasmo, implicación e dedicación” co que traballou todo o equipo de Naffta durante os últimos meses para superar con éxito “o reto e a honra que supuxo para nós poder vestir ás seleccións de tenis do noso país, e ás que tentamos imprimir a calidade e o deseño que desde a súa orixe caracterizou o estilo da roupa deportiva Naffta”.











