A Deputación de Pontevedra financiará a mellora do saneamento en Santa Marta-Campo do Monte con 75.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMosPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra financiará con fondos do Plan Provincial de Obras e Servizos (PPOS) a ampliación da rede de saneamento no concello de Mos. A Xunta de Goberno acordou este venres incluír nas partidas do PPOS 2015 a construción dunha rede na zona de Santa Marta-Campo do Monte para completar esta infraestrutura e garantir que o servizo chegue a todo o municipio nas mellores condicións.

Cun orzamento de 75.119 eurosl a obra tamén inclúe a reposición da capa de rodaxe de case un quilómetro da estrada principal e 250 metros da vía secundaria.

Segundo o proxecto aprobado polo organismo provincial, establécese para a execución destes traballos un prazo dun mes.

Na Xunta de Goberno da Deputación deste venres tamén se aprobou financiar con 299.109 euros do PPOS 2015 o proxecto do novo campo de fútbol de céspede artificial que se vai construír na parroquia de Nespereira, no concello de Pazos de Borbén.

Cun orzamento de execución de 460.168 euros esta actuación atende a reforma do actual campo de terra co fin de realizar unha mellora integral de todas as súas instalacións e equipamentos.

Segundo se establece no proxecto instalaranse pavimento de céspede artificial e unha nova rede de rega con seis aspersores emerxentes. Ademais, mellorarase a iluminación do recinto, vaise pechar o perímetro do campo cunha varanda de aluminio e instalaranse redes recollepelotas nos fondos laterais.

A reforma tamén inclúe a mellora do equipamento do campo con novas porterías, bancos e bandeirolas.

Así mesmo, o novo campo de fútbol de céspede artificial de Nespereira ocntará tamén cun campo de fútbol 11 e dous campos de fútbol 7 .

3 de xullo de 2015 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.