publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra adxudica por 561.712 euros o ensanche e mellora do tramo Riobó-Oca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaPontevedra
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación adxudicoulle hoxe o contrato para executar a obra de mellora do trazado e da seguridade viaria na estrada Callobre-Ponte Ledesma, no tramo Riobó-Oca (do quilómetro 7,1 ó 8,4), á empresa Narom S. L., por 561.712 euros.

Ó concurso concorreron 13 empresas, das cales 12 pasaron o corte tecnicamente establecido. A empresa gañadora ofertou melloras valoradas en 60.675 euros e un prazo de execución do traballo de 4 meses e medio.

No tramo Riobó-Oca ensancharase a actual estrada e mellorarase o trazado, ampliando a plataforma ata os 8 m de ancho (6,40 m de calzada e dúas beiravías de 0,80 m) e rectificando curvas. Nas zonas de vivendas executaranse obras de accesibilidade.

Ampliación da actual ponte

Outra das características do traballo será a ampliación da actual ponte. Utilizaranse lousas tipo barco de formigón armado, de 9 m de longo e 2,40 de ancho, ata completar a lonxitude necesaria, que ascende a 31,2 m. A nova ponte levará 62,4 m de varanda de aceiro e 1,08 m de altura.

Finalmente realizarase unha gran cantidade de movemento de terras para construír noiros, á vista da enorme cantidade de rocha que presenta o tramo, e 190 m lineais de pavimento peonil, cunhas beirarrúas de 1,80 m de ancho. Todo o tramo será dotado de servizos de pluviais, pozos de rexistro, sumidoiros, salvacunetas (162 m en total) e drenaxes.

1,5 millóns de euros xa investidos noutro tramo

Nesta mesma estrada a Deputación acaba de investir, noutro tramo, 1,5 millóns de euros para dotala de servizos similares ós anteriores e construír unha calzada de 8 m para a circulación rodada e sendas peonís e beirarrúas de 1,80 m.

Esta vía é a infraestrutura máis importante da Estrada tras a autopista. Vertebra o concello e dá servizo a 10 parroquias, algunhas delas as máis poboadas do concello (Callobre, Moreira, Riobó, Oca…), e conecta as dúas estradas nacionais (N-525 e N-640).

3 de xullo de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.