A Deputación da Coruña colabora con 50.000 euros no inventariado de arquivos parroquiais do arcebispado de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Pleno da Deputación aprobou na última sesión ordinaria un convenio co Arcebispado de Santiago por valor de 50.000 euros, cos que se financiarán parte dos traballos de inventariado dos arquivos parroquiais. O Arquivo Histórico Diocesano conta entre os seus fondos cun conxunto de documentos de fondos parroquiais que abarcan dende o século XV ata mediados do XX, recollidos e concentrados neste espazo dende a súa fundación en 1975 e grazas, sobre todo nos últimos anos, a proxectos de axuda da Deputación.

Estes libros parroquiais teñen un especial interese, xa que os rexistros civís comezaron no ano 1870, polo que representan case a única fonte de datos de tipo xenealóxico dende o século XVI. Ademais, esta documentación achega importante información sobre a produción artística e cultural, antropolóxica e sociolóxica da nosa terra.

A colección está formada por libros manuscritos, legados e impresos. En concreto, son aproximadamente 18.250 legados e 37 pergamiños soltos, procedentes dos arquivos de 711 parroquias. As datas de documentación van do ano 1443 ao 2001, aínda que o comezo dos arquivos parroquiais se sitúa na segunda metade do século XVI.

Para desenvolver este labor de inventariado realizaranse traballos de relocalización de fondos, recollida, transferencia de arquivos, fumigación e desinfección da documentación, restauración dos fondos e a remisión dunha copia aos párrocos, así como o uso, consulta e posta a disposición do público.

Os 50.000 euros que achega a Deputación representan o 36,34% do orzamento total preciso, 137.595,47 euros.

Achega de 12.000 euros para a USC

Ademais, a Deputación da Coruña tamén colaborará coa Universidade de Santiago de Compostela para a edición dos números 19 e 20 da súa Revista Facenda Pública Urbana.

A institución provincial vén colaborando dende o ano 2006 con esta publicación especializada en artigos e traballos de investigación orixinais e inéditos que abarcan temas relativos ás políticas de xestión de carácter local e facendas locais, así como noticias sobre teses doutorais. Agora, con este novo convenio aprobado en Pleno preténdese dar continuidade a esta colaboración.

A cambio, a USC, a través do departamento de Economía Aplicada da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, colaborará coa Deputación da Coruña cando esta o precise, prestándolle asesoramento sobre cuestións relacionadas co desenvolvemento de políticas de xestión local, preparación de proxectos de interese comunitario, elaboración de informes sobre a situación financeira local e, en xeral, calquera actuación que se considere axeitada a este convenio.

Cos 12.000 euros da Deputación asúmese o 80% do custe da edición (15.000 euros). Inclúense tanto os gastos de edición, deseño e maquetación como a tradución, distribución, os honorarios de colaboradores e a achega ao seminario anual.

1 de xullo de 2015 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.