A Deputación adxudida a Dragados S. A. a urbanización da avenida Luis Rocafort en Sanxenxo,

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSanxenxo
A-
A+

A Deputación de Pontevedra adxudicoulle provisionalmente a obra de urbanización da avenida Luis Rocafort, en Sanxenxo, á empresa Dragados S. A., por 902.917 euros e cun prazo de execución de seis meses.

A adxudicación (só pendente de que a firma adxudicataria presente a fianza pertinente) tivo lugar despois de que ó concurso convocado se presentasen 24 empresas e pasasen o correspondente corte 18 delas.

Esta obra na avenida Luis Rocafort será a actuación urbanística máis importante das efectuadas na zona urbana de Sanxenxo, pois resaltará de xeito moi significativo a entrada principal á vila e á praia de Silgar. Actuarase sobre todo o dominio público ata os 24 m de ancho e, en puntos concretos, negociarase cos veciños.

O proxecto inclúe a completa urbanización entre o paseo de Silgar e a rúa Arnelas. O tramo entre esta rúa e a glorieta da PO-308 será urbanizado no futuro e crearase un paso subterráneo na rotonda fronte á estación de autobuses. A obra comprenderá a renovación total dos servizos municipais, que na actualidade se atopan moi deteriorados.

Levarase a cabo unha urbanización integral de 600 metros da rúa de entrada principal a Sanxenxo e á praia de Silgar, que incluirá a pavimentación e sinalización da calzada, a colocación de beirarrúas en todo o percorrido, a instalación dunha nova rede de iluminación pública e a canalización separada de augas residuais e pluviais. Ademais, instalaranse mobiliario urbano e zonas axardinadas, que agora non existen, e crearase un itinerario peonil accesible con beirarrúas de 1,80 m.

Estes traballos completaranse cunha segunda actuación, consistente na creación dun paso subterráneo á altura da rotonda situada fronte á estación de autobuses.

Con estas obras a rúa terá un único carril por sentido de circulación, de 3,25 m de ancho, e beiravías de 0,25 m. Os aparcadoiros serán en liña ou oblicuos.

3 de xullo de 2015 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.