publicidade hoxe

A denunciante no caso Cela: “Son militante do PP, pero pepeísta que cometa delito económico, vou denuncialo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPadrón
A-
A+
Europa Press

A veciña de Padrón que denunciou á Fundación Cela, Lola Ramos, augurou que a viúva do Nobel, Marina Castaño, se defenderá “con uñas e dentes”, tal e como ela mesma faría no caso de que fose a acusada, e reivindicou a súa condición de acusación particular para evitar a “corrupción” dos que gobernan.

“Son militante do PP, vou seguir séndoo; pero pepeísta que eu vexa que cometa un delito económico, dende logo pola miña parte, que teña a completa seguridade de que o vou denunciar”, declarou, ás portas do xulgado de Padrón, tras iniciarse as declaracións das dúas persoas citadas este martes.

O primeiro en acudir foi o exxerente da Fundación Cela, Tomás Cavanna, quen comezou a declarar, segundo indicou a propia Ramos, preto das 10,30 horas. Marina Castaño, pola súa banda, está chamada para as 12,00 horas.

Nas súas declaracións aos medios, Lola Ramos denunciou que “uns levan diñeiro a paraísos fiscais e despois os traballadores e obreiros, e persoas que pasan as maiores carencias” teñan que pagar.

A denunciante, que lamentou que poida haber delitos (investígase fraude fiscal, malversación e apropiación indebida), recordou que antes de que esta xuíza levase adiante a investigación se arquivaran outras dúas denuncias, unha delas interposta tamén por ela.

“Temos outros casos, como Bárcenas, Rato, Blesa… ¡Non pode ser!”, abundou Lola Ramos. “¡ Como non imos ir á ruína, como se rescata á nación, quitándolle aos funcionarios a súa paga extra, que nin con Franco pasou isto”, sentenciou.

21 de xullo de 2015 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.