A Delegación da Xunta en Pontevedra pon en marcha a Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o subdelegado do Goberno na provincia, Antonio Coello, presidiron esta mañá, na planta novena do Edificio Administrativo da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, o Comité de Coordinación Policial Contra Incendios de cara a posta en marcha de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delituosa incendiaria que se prolongará ata o vindeiro 30 de setembro.

Na xuntanza estiveron presentes membros do departamento territorial de Medio Rural, da Policía Autonómica e Nacional e responsables da Garda Civil e do Exército.

Durante o encontro, presentáronse os distintos medios cos que se contará na loita contra o lume, así como as competencias que cada un deles terá en relación co plan Pladiga de 2015. Ademais, avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción.

Neste senso, resaltouse a importancia da coordinación entre efectivos co fin de acadar cambios dentro do comportamento social que desemboquen nunha redución do dano medioambiental que producen os incendios forestais. O delegado subliñou que “o obxectivo é buscar unha tendencia positiva a medio e longo prazo en canto á diminución do número de lumes e de superficie ardida, e para iso é fundamental a cooperación de todos os axentes implicados: Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Exército, concellos, efectivos de prevención e extinción, voluntarios, propietarios e o resto da sociedade”. Neste punto, recordou os datos de 2014, que amosan que o total de incendios na nosa provincia situouse na cifra máis baixa dos últimos dez anos.

No caso da provincia de Pontevedra, quedaron tamén designadas as Zonas de Especial Vixilancia (ZEV) dentro de cada distrito forestal sobre as que se intensificará a vixilancia da Policía Nacional e Autonómica e da Garda Civil. Establecéronse tamén as Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Catorce concellos pontevedreses concentran dezasete parroquias destas 79 parroquias fixadas en toda Galicia.

Adaptación do Pladiga 2015

Segundo explicou Cores Tourís, a Consellería do Medio Rural e do Mar blinda nos aspectos esenciais o dispositivo de loita contra incendios. O Pladiga 2015 adáptase ao recentemente aprobado Plan Especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, redefine a denominación dos que se contemplaban como niveis de gravidade no antigo plan, que agora pasan a denominarse situacións de emerxencia, que comprenden unha escala de 0 a 3, segundo a gravidade e as consecuencias do suceso.

O delegado territorial sinalou que o dispositivo contra incendios previsto para a provincia de Pontevedra este ano é similar, en liñas xerais, ao do pasado ano no relativo a números de efectivos. Deste xeito, estará formado polas brigadas autonómicas e municipais –un total de 101 repartidas en 62 concellos-, os parques de bombeiros, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e os novos Grupos Supranacionais de Emerxencias (GES). A estes efectivos sumaranse os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Nacional e Autonómica e membros dos equipos de investigación. No total da comunidade, o dispositivo estará composto por 5.767 persoas do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, que se reforzará con persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de 7.000 efectivos. No tocante aos medios materiais, contarase con 32 medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que achega o Estado, 360 motobombas da Administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros adscritos ao plan.

Concienciación da sociedade

Tanto os responsables autonómicos como os estatais, acordaron trasladar de novo un chamamento á colaboración da cidadanía. “A axilidade para alertar dun lume é o maior aliado á hora de evitar danos maiores”, advertiu Cores Tourís, quen ademais apelou á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da se teñan coñecemento para, así, “conseguir a máxima contundencia legal cos que prenden lume ao patrimonio natural dos galegos”.
Neste senso, establecéronse os niveis de coordinación e transmisión de información co fin de atallar a intencionalidade dos lumes dentro da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais, ademais de que se fixaron as zonas asignadas ao Exército, á Policía Autonómica, Nacional e Garda Civil. Ademais, seguirase a colaborar coa Fiscalía na investigación dos sinistros e continuarase co mantemento da vixilancia no relativo ao cumprimento da Lei 3/2007 de prevención de incendios en Galicia mediante inspeccións periódicas e sancións a todos aqueles que a incumpran.

1 de xullo de 2015 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.