publicidade hoxe

A D.O. Rías Baixas inaugura o túnel do viño e as catas temáticas no Salón José Pena de Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+
inauguración do túnel da D.O. Rías Baixas

inauguración do túnel da D.O. Rías Baixas

A Denominación de Orixe Rías Baixas inaugurou esta mañá o Túnel do Viño e as Catas Temáticas que se desenvolverán até o domingo 2 de agosto no Salón de Congresos e Exposicións José Pena de Cambados. No acto participaron o presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, e o seu secretario xeral, Ramón Huidobro, aos que acompañaron o secretario xeral do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto; o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o xefe territorial en Pontevedra da Consellería do Medio Rural, Miguel Ángel Pérez; a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e varios membros da Corporación cambadesa.

Ramón Huidobro foi o encargado de ofrecer algúns datos sobre as principais características dos distintos viños que se poden atopar neste túnel, así como das actividades paralelas que se ofertarán desde hoxe e até o domingo. O catador profesional Nacho Costoya, pola súa banda, centrouse en falar sobre os viños cos que brindaron os participantes na inauguración da cita: o gañador do concurso da pasada edición da Festa do Viño Albariño Denominación de Orixe Rías Baixas, unha marca propia da subzona de Val do Salnés e un espumoso.

Son un total de 141 as marcas que 56 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas pon a disposición dos visitantes. Tal e como indicou Juan Gil, “o Túnel é unha iniciativa que xurdiu porque botabamos en falta dentro da festa un espazo máis íntimo onde o amante do viño e o profesional tivese tempo e un lugar adecuado para ir máis aló e probar as marcas dunha maneira máis profunda”, afirmou. Ademais, todos os asistentes teñen a oportunidade de ser asesorados por un grupo de catadores ao mando de Nacho Costoya”. 

Con respecto ao que se pode probar neste Túnel do Viño, Juan Gil aclarou que “aínda que nas casetas da Festa do Viño Albariño Denominación de Orixe Rías Baixas só se poden atopar marcas do ano 2014, aquí hai calquera tipo de elaboración, calquera subzona ou calquera uva”. Entre eles atópanse os espumosos, para os que o presidente do Consello Regulador augurou “un futuro moi prometedor e estamos a traballar para que sexa realidade”. 

Tomás Fernández-Couto valorou a promoción do Túnel do Viño da Denominación de Orixe Rías Baixas porque “permite achegar ao consumidor dunha forma ordenada, e asesorados por profesionais, a inmensa variedade de marcas que ten. Calquera pode atopar aquí as súas preferencias”, afirmou. Destacou especialmente Fernández-Couto a “altísima calidade e frescura” dos viños Rías Baixas e “as súas amplas posibilidades” á hora de combinar con calquera prato. “Hoxe en día o Albariño Rías Baixas non se circunscribe a acompañar un peixe ou un marisco, senón que tamén pode ir perfectamente con carnes. Na actualidade, calquera tipo de comida pode combinarse cos viños desta denominación de orixe”, concluíu.

Paralelamente ao propio Túnel do Viño, doce adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas protagonizarán un total de trece catas temáticas dirixidas polos enólogos das empresas participantes. Entre o xoves e o sábado ofreceranse dúas sesións matutinas e outras tantas vespertinas, mentres que o domingo só desenvolveranse pola mañá. O obxectivo desta actividade é descubrir os viños de Rías Baixas desde diferentes perspectivas, da man de profesionais e, en moitos, casos dos seus creadores. 

O Túnel do Viño estará aberto até o día 2 de agosto. O horario será entre as 12.00 e as 14.30 e de 19.00 a 21.30 horas entre o xoves e o sábado, mentres que o domingo abrirá só pola mañá. A entrada que custa 10 € inclúe, tamén, o acceso ás dúas catas correspondentes nesa sesión.

30 de xullo de 2015 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.