A Coruña celebrará o pleno de organización municipal este sábado
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciou que o pleno de organización municipal celebrarase este sábado e confía en poder chegar a un acordo, tras insistir na proposta dunha repartición de recursos “proporcional” entre goberno e oposición. En declaracións aos medios no exterior do palacio de María Pita, Ferreiro informou de que a Marea fará un esforzo” para a organización do Concello herculino e, por iso, anuncia unha proposta de repartición de recursos “proporcional”, que aínda non está acordada cos grupos da oposición pero que confía en que poida ser debatida directamente no pleno de organización que se celebrará este sábado ás 9,00 horas.
“Nunca na historia deste concello se fixo un esforzo tan grande para dotar de medios aos grupos municipais”, afirmou o rexedor herculino, quen explicou que a proposta da Marea baséase en dous criterios.
En primeiro lugar, “permitir ao Goberno que poida gobernar” e que os seus concelleiros teñan os medios materiais e humanos para exercer o seu labor; e en segundo lugar, que a oposición teña tamén os medios necesarios para levar a cabo o seu labor de control ao Goberno.
Ferreiro sinalou que “nin PP nin PSOE cando estiveron no seu respectivos goberno entenderon que os grupos da oposición necesitaban os medios que se lles vai a ofrecer”. “Nunca, nunca”, reiterou o alcalde coruñés.
“O goberno ten que poder gobernar e non parece lóxico que o grupo que está no goberno teña menos dedicacións que os outros grupos. Haberá proporcionalidade con respecto aos grupos municipais, pero non unha repartición onde a oposición leve máis”, comentou tras informar de que está previsto que os plenos municipais se celebren o primeiro luns de cada mes en horario de tarde.
CASETAS REXIONAIS
Á marxe desta cuestión, preguntado pola cancelación do certame de Casas rexionais do programa das festas da Coruña, Ferreiro referiuse ao elevado custo -70.000 euros- que supón para as arcas municipais a celebración desta actividade que, segundo indicou, xa era “polémica” ao contar co rexeitamento por parte do hostaleiros que a ven como unha competencia.
Respecto da opinión do PP, que considera que a cancelación se debe a motivos ideolóxicos, Ferreiro considera que é “un pouco ridículo”. “Non se que ideoloxía hai en tomar sidra e Ribeiro. Eu non vexo ningunha ideoloxía niso”, chanceaba o rexedor herculino.











