A Comisión de Festas do Cristo de Cangas informa sobre o avance dos preparativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Esta mañá a Comisión de Festas do Concello de Cangas quixo adiantar en rolda de prensa as cuestións en relación ás Festas do Cristo. A comisión formada pola concelleira de Participación Veciñal Transparencia e Asociacionismo, Eva Rodríguez, o concelleiro de de Cultura e Normalización Lingüística, Heitor Mera e o concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Andrés García xuntáronse co fin de informar sobre como están os preparativos.

Heitor Mera dou conta dos tres problemas principais cos que se atoparon á hora de organizar as festas: en primeiro lugar as datas, o que dificulta o tempo necesario para a organización e xestión de todas as cuestións relativas á festividade. En segundo lugar, o orzamento, xa que este ano a contía destinada ó Cristo é de 15.000 euros máis o que se recade mentres que o ano pasado contaban cun presuposto de 32.000 euros inicial, finalmente gastaron case 68.000 euros. Mera apunta que houbo que lle dar unha volta moi importante á programación pero que a escaseza de orzamento “non vai afectar á calidade”. O terceiro problema co que se atopou a comisión, e para eles o máis importante, é o encaixe legal das festas. A pesar de todo isto, o concelleiro de Cultura garantiu o futuro das festas e fixo fincapé no cambio de actuacións nas xestións por parte do grupo de traballo.

En apoio xurídico, explicaba o concelleiro Andrés García, están traballando no prego de condicións para o contrato de patrocinio do recinto feiral das naves de Ojea; no prego de condicións da autorización da instalación de atraccións e casetas; e no prego de condicións da adxudicación das jaimas na nave de Ojea. Ademais están a elaborar un plano dos feirantes e o seus postos para que poidan solicitar e informarse sobre o seu posto.

En relación á programación, Eva Rodríguez sentenciou que “avogan por un cambio na xestión, no que teña maior importancia a cultura”. Adiantou que contarán cunha programación cultural e galega, xa que “aquí hai moitas actividades culturais das que facer uso e son máis enriquecedoras”. A concelleira confirmou que haberá un plan de actividade para os nenos “sen necesidade de gastar cartos”. A festa contará con concertos musicais e orquestras e entre as propostas que barallan destacan: unha noite branca, co fin de dinamizar a zona vella; unha pinchada de pinchos ou a xornada de autoedición e cómic na que haberá exposicións de artistas e concertos.

As festas do Cristo abranguerán entre o xoves día 27 de agosto e o sábado 6 de setembro, “Día do Neno”. A Comisión dará unha rolda de prensa cando teñan o cartel pechado.

21 de xullo de 2015 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.