A cociña tradicional de Andalucía chega á aula gastronómica do Centro Comercial Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A aula de Cociña do Centro Comercial Arousa acollerá mañá, a partir das 20:00 h., Cociña de Andalucía, un novo taller culinario enmarcado dentro do ciclo España Gastronómica. Un país para saborear, no que os asistentes aprenderán a elaborar pratos típicos desta comunidade, que destaca polo protagonismo indiscutible do aceite de oliva virxe e por conservar os beneficios da dieta mediterránea, utilizando produtos básicos como as hortalizas, os froitos secos e o peixe.

O curso, de carácter gratuíto e aberto ao público até completar aforamento, estará impartido polo chef e asesor gastronómico Miguel Mosteiro, xefe de cociña de IN9 Eventos do grupo Chicolino Restauración (Boiro), e estará acompañado polo chef Daniel Portillo. Os expertos guiarán aos asistentes na elaboración dun primeiro prato, un segundo e unha sobremesa, e achegarán consellos sobre acompañamentos e guarnicións. Ademais, mostrarán orixinais técnicas de cociña co obxectivo de que poidan incorporalas aos seus menús diarios.

Durante o taller, os asistentes aprenderán a preparar o prato estrela da comunidade, o gazpacho andaluz, unha popular sopa fría elaborada con ingredientes craves da rexión, o aceite de oliva, o vinagre de viño e as hortalizas crúas, que lle achegan un gran valor nutritivo. Continuarán cun exquisito cazón en adobo de Cádiz, un prato centenario e moi utilizado nos restaurantes gaditanos para tapas e aperitivos polo tipo de peixe, sen espiñas e cun prezo alcanzable.

Para terminar, os chefs apostarán por unha das sobremesas máis consumidas na rexión, sobre todo en Nadal, Entroido e Semana Santa, os pestiños andaluces, característicos por incorporar á masa laranxa, canela e ajonjolí ou sésamo.

As receitas estarán dispoñibles, unha vez finalizada a sesión, na páxina web do centro www.ccarousa.com.

27 de xullo de 2015 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.