publicidade hoxe

A Campaña de Verán da Xunta oferta 1.220 prazas nas comarcas do Barbanza e Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiroPorto do Son
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao campamento de Porto do Son

Beatriz Mato na visita ao campamento de Porto do Son

A Campaña de Verán da Xunta de Galicia ofertará ao longo do verán un total de 1.220 prazas nos campamentos situados nas comarcas do Barbanza e Noia. En concreto, 720 en Porto don Son e outras 500 en Boiro. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, achegouse hoxe ata o campamento Virxe de Loreto, en Porto do Son, para visitar aos participantes da quenda actual. Alí, recordou que a campaña de verán galega é “un referente a nivel estatal”, tanto polo número de prazas como pola calidade das actividades.

Actualmente, en Porto do Son estase a desenvolver a quenda Implíca-T, con 100 prazas. De feito, o Virxe de Loreto é unha das instalacións galegas que está a ofertar esta programación novidosa, que consiste en combinar actividades de ocio e tempo libre, con outras participativas e de carácter social e que fomentan a acción voluntaria dos mozos. Neste caso concreto, están realizando accións de voluntariado e educación ambiental, ademais doutras de carácter náutico como kaiak, ou táboa.

Nestas quendas Implíca-t, os participantes de entre 14 e 17 anos teñen a oportunidade de participar en accións como a conservación de espazos naturais, a prevención de incendios forestais ou a dinamización do Camiño de Santiago, “que conlevan un beneficio para eles mesmos e para o conxunto da sociedade”, destacou Mato. A finalidade é que adquiran e desenvolvan valores “tan importantes” como o compromiso, a responsabilidade, o traballo en equipo, a iniciativa ou a autoestima.

En total, a Xunta está a investir 2,4 millóns de euros para desenvolver a Campaña de Verán en toda Galicia, un 4,5 por cento máis que o ano pasado. Con este orzamento, fináncianse 8.530 prazas divididas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos, e campos de traballo. O número de prazas crece por cuarto ano consecutivo.

Mato destacou que os campamentos, ademais de facilitar a conciliación e promover actividades de tempo libre, teñen outros efectos positivos, como o impulso ao emprego. Así, o desenvolvemento da Campaña de verán dará traballo este verán a máis de 900 monitores e directores.

“En definitiva, a Consellería está a facer ano tras ano un importante esforzo para reforzar a Campaña de verán na nosa comunidade, e as instalacións Virxe de Loreto volverán ser un dos seus centros máis importantes”, rematou a conselleira.

20 de xullo de 2015 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.