A bandeira azul ondea na praia de Caión

Izado da bandeira azul
Por décimo cuarto verán a bandeira azul ondea na praia de Caión. O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, foi o encargado de izar o símbolo internacional que outorgan a Fundación de Educación Ambiental (FEE) e a Asociación De Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) en recoñecemento á calidade das augas, instalacións, aos servizos que ofrece aos usuarios e ao esforzo polo desenvolvemento de iniciativas municipais relacionadas co respecto ao medio ambiente.
No acto celebrado esta tarde tamén estiveron presentes os edís Jesús Souto, Patricia Bello e Alberto Blanco, así como parte do equipo de socorristas que garantirá a seguridade dos usuarios do areal durante o verán.
Ademais da bandeira azul da praia de Caión, o tramo duns 1.500 metros de lonxitude do paseo marítimo, concretamente desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido, repite o distintivo de sendeiro azul. Deste xeito, a FEE e ADEAC recoñecen o “traballo, mellora e restauración do patrimonio natural e etnolóxico”, a “contribución positiva ao uso sostible do litoral” e a “función social importante” do paseo ao constituír un “excelente lugar para o disfrute da natureza” e ser un “elemento vertebrador para o desenvolvemento, a saúde e o benestar do conxunto da sociedade”.
O Concello da Laracha instalou catro paneis informativos ao longo do percorrido do denominado “Sendeiro da praia” nos que se ofrecen datos de interese xeral e unha imaxe aérea da praia e deste tramo do paseo marítimo.
O de Caión é o único sendeiro azul da Costa da Morte. Na provincia da Coruña foron concedidos unicamente catro, dezaseis en toda Galicia e corenta e nove no conxunto de España.











