A aula lúdica da Laracha acolleu a iniciativa “O sabor da aventura está no mar”

Actividade “O sabor da aventura está no mar”
Os máis de medio centenar de nenos que acudiron esta mañá á aula lúdica municipal participaron en O sabor da aventura está no mar, unha actividade incluída no programa Aliméntate ben do Plan PROXECTA impulsado desde a Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia.
As educadoras e animadoras que desenvolveron esta actividade colocaron na aula lúdica paneis informativos con imaxes e debuxos de sete tipos de especies (sardiña, xurelo, rodaballo, mexillón, troita, lirio, pescada). Empregando unha linguaxe moi próxima aos nenos, e por medio de xogos, preguntas e elaboración de traballos manuais, pretenderon achegar aos nenos a mensaxe da importancia de incluír o peixe na súa dieta habitual.
Esta iniciativa da Consellería de Medio Rural e do Mar, que pretende potenciar o consumo do peixe fresco galego, xa se levara a cabo nos campamentos de verán de Caión e no campamento urbano da Laracha (tamén se desenvolverá na segunda quenda deste último, programado para a semana do 3 ao 7 de agosto).
Entre as catro xornadas (as tres que xa se celebraron e a pendente de realizarse) serán uns 150 nenos laracheses os que participen ao longo do verán na actividade O sabor da aventura está no mar.











