A Aula da Natureza inaugura os obradoiros medioambientais cunha ruta botánica por Cabo Udra
Os dous primeiros obradoiros medioambientais do verán, organizados dende a Aula da Natureza de Cabo Udra, encheron todas as prazas dispoñibles. Deste xeito, unha trintena de persoas de diversas idades participaron dende as 20,00 horas da tarde do xoves 16 de xullo no percorrido botánico, histórico e cultural que dirixiron o naturalista Miguel A. Fernández-Martínez, o arqueólogo Francisco A. Toucido e o filólogo Anxo X. Rajó polo Espazo da Rede Natura 2000.
Unha das características máis sobresaíntes desta actividade foi a participación de visitantes e turistas de diversas poboacións galegas, como Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela, así como turistas de Euskadi e Madrid, e mesmo algúns estranxeiros provenientes de Suecia ou Alemaña, o que evidencia que cada vez máis este espazo natural é moi coñecido alén das fronteiras dos municipios do Morrazo.
A ruta, que partiu da propia Aula da Natureza e que rematou na punta da Robaleira, permitiu aos participantes coñecer algunhas especies curiosas deste espazo, como diversas plantas do xénero Erica, principalmente Erica cinerea; loureiros (Laurus nobilis), outra vexetación de matogueira, como o toxo marítimo (Ulex europaeus latebracteatus) e algunha orquídea do xénero Spirantes. Nas zonas máis húmidas observouse a presenza do sapiño das veigas (Discoglossus galganoi). Con todo, a sorpresa da xornada foi a banda de arroaces (Tursiops truncatus) que desfilaron por diante do grupo, entre a praia de Ancoradouro e a enseada de Barceló. Para anotarse nas próximas visitas guiadas e obradoiros, a Concellería de Turismo pon a disposición dos usuarios o número telefónico 986 324 457 e o correo electrónico: turismo@concellodebueu.org.











