A Asociación Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas e COGAMI asesoran en accesibilidade na remodelación da estación de autobuses de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Representantes da Asociación Grupo Diversidade Funcional de Ferrol e Comarcas e de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) desprazáronse ata a estación de autobuses de Ferrol para asesorar en materia de accesibilidade nas obras de remodelación que se van acometer na estación.

As persoas que se reuniron na estación foron: o director xeral da empresa de transportes ARRIVA, Juan Gómez Piña, o director de Estudios e Mercados de ARRIVA, Javier Gilda, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, o coordinador de Accesibilidade da Asociación Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas, José Díaz Acebedo, e o técnico de xestión da Asociación Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas, Alberto Iglesias Prieto.

Entre as obras de remodelación que se van levar a cabo están a mellora de beirarrúas de acceso principal á estación con ramplas que permitan o libre paso de cadeiras de rodas, carros de bebés ou maletas, así como a realización de obras de mellora nos andéns dos autobuses coa construción de ramplas que permitan o acceso libre aos autobuses.

Tamén se levará a cabo un paso peonil de acceso aos aparcadoiros da estación, a creación no andar alto dun aseo accesible ás persoas con mobilidade reducida e a mellora do aseo que está agora operativo no andar baixo, ademais de obras para incrementar a anchura da porta do elevador/montacargas que comunica o andar alto co baixo e a creación de dúas prazas de aparcadoiro reservadas para persoas con mobilidade reducida. 

Dende transportes ARRIVA, informaron que a empresa conta con 19 vehículos adaptados de 80 que compón a súa flota de autobuses, e que en 2016 van estar adaptados 46 autobuses ata lograr a accesibilidade total de toda a flota en 2018. 

A empresa adiantou na xuntanza que este ano van incorporar 2 autobuses tipo urbano para realizar a ruta Fene-Mugardos-Ares-Correos Ferrol e volta.  Ata o momento, as persoas con mobilidade reducida teñen que poñerse en contacto con ARRIVA uns días antes de viaxar para que a empresa adapte o autobús. 

20 de xullo de 2015 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.