A Asemblea de Movementos Sociais de Vigo esixe a reapertura de Sereos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

As persoas enfermas e pobres de Vigo estaban a ser atendidas nun autobús en zona industrial ao cargo do programa Sísifo de Érguete, antes Sereos do Casco Vello, que perderon o seu local municipal hai dous anos, ao decidir a corporación municipal o seu peche. Esta decisión deteriorou de forma alarmante o programa ao reducirse enormemente o número de usuarios, debido á perda de toda intimidade e sufrir o recorte de material ao cambiarse o servizo ao pequeno espazo dun autobús. Esta semana o colectivo recibía un novo golpe: o autobús de Jacinto Benavente era substituído por unha furgoneta.

A Asemblea de Movementos sociais de Vigo quere denunciar esta situación, e esixe que de forma inmediata se priorice dunha vez por todas o dotar dun local adecuado e acondicionado a esta iniciativa. O programa Sereos do Casco Vello atendía ao redor de 300 persoas diarias, nun lugar de encontro, socialización e solidariedade que supuña apenas un 0.8% en canto a orzamento municipal. Desde o seu peche, os antigos usuarios tiveron que desprazarse a recibir a atención na rúa e afastados do centro, para ser escondidos dos ollos dos turistas.

A asemblea pide que a nova corporación demostre humanidade cos máis desfavorecidos e dote ao programa inmediatamente dun local onde se recuperen as actividades de repartición de almorzo e intercambio de materiais de inxección e hixiene cos colectivos en risco de exclusión nun espazo suficiente e digno.

AMSV Vigo é unha coordinadora de movementos sociais e veciñais (RSP Vigo, Os ninguéns, FAVEC), sindicatos (CXT, CIG, CUT) e partidos políticos (BNG, Equo, Os Verdes, Piratas de Galicia, Podemos Vigo) coordinados ante a emerxencia en benestar social da cidade.

27 de xullo de 2015 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.