publicidade hoxe

A ampliación da ponte sobre o río Alvedosa suporá a mellora na fluidez do tráfico e na seguridade viaria para vehículos e peóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou hoxe a mellora substancial na fluidez dos tráficos e na seguridade viaria, tanto de vehículos como de persoas, que supoñen as obras executadas polo seu departamento na ponte sobre o Río Alvedosa –ponte Julián-, en Redondela.

A Xunta de Galicia vén de concluír as obras de mellora na estrada PO-250 Redondela-Forzáns, ao seu paso por Redondela, cun investimento de máis de 120.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ehel Vázquez, supervisou esta mañá o remate da actuación, xunto co alcalde de Redondela, Javier Bas, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch.

En concreto, a actuación consistiu na ampliación da estrutura e beirarrúa da estrada co obxecto de mellorar a seguridade viaria no punto quilométrico 0+160 da estrada autonómica, na ponte sobre o río Alvedosa, co fin de evitar a interferencia entre vehículos e peóns.

Segundo indicou a conselleira, este punto rexistraba dificultades circulatorias, “xa que o estreitamento da vía sobre a ponte impedía, por exemplo, o cruzamento dun camión e dun coche”.

O proxecto, que foi aprobado en outubro de 2012 pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), amplía a estrutura existente para dotar á calzada de dous carrís de 3,5 metros para a circulación de vehículos e unha beirarrúa nunha das marxes que permita aos peóns circular pola zona e cruzar o río con garantías de seguridade. Hai que destacar que este tramo de estrada atópase no núcleo urbano de Redondela, polo que a interferencia de vehículos e peóns é constante.

A ampliación da estrutura completouse cunha pequena ampliación da calzada na zona para acadar unha anchura de carrís axeitada.

A beirarrúa disponse na marxe esquerda da calzada, cun pavimento de loseta hidráulica e un ancho mínimo de 1,8 metros en toda a beirarrúa nova.

Grazas ao desenvolvemento destes traballos veranse beneficiados os 30.015 habitantes do Concello de Redondela.

Melloras na depuradora e senda peonil

Ethel Vázquez explicou que a actuación executada na ponte sobre o río Alvedosa atende unha vella demanda cidadá e supón un avance na aposta do Goberno galego por mellorar as infraestruturas, e con iso a seguridade viaria e a calidade dos servizos que se lle prestan aos cidadáns.

Neste sentido, a conselleira puxo en valor as obras que o seu departamento está levando a cabo para mellorar a estación depuradora de augas residuais deste municipio, co obxectivo de reducir o impacto da instalación, favorecer a súa integración urbana e minorar a súa pegada visual no contorno. A conselleira explicou que estas obras, que suporán un investimento aproximado de 170.000 euros, atópanse moi avanzadas e a previsión é que estean completamente finalizadas este mesmo verán.

Por último, a conselleira avanzou tamén que a Consellería de Medio Ambiente vai colaborar co concello de Redondela na execución da senda peonil do río Maceda

3 de xullo de 2015 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.