publicidade hoxe

A Aldea de Verán acolle un obradoiro sobre os alimentos que veñen do mar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

“Ponlle as pilas ao teu bocata” é o título dun ciclo de obradoiros que durante o curso percorren os colexios galegos e, agora que rematou a escola, tamén os campamentos como a Aldea de Verán. O seu obxectivo é descubrirlles aos máis pequenos e pequenas que o mar é unha fonte de alimentos ricos que deben formar parte dunha dieta saudable. Son os peixes e moluscos frescos ou en conserva que van tan ben en calquera das comidas do día, incluso na merenda. Porque no medio do pan poden botarse máis cousas que cremas de cacao ou chourizo.

A campaña impulsada polas consellerías do Mar, Educación e Sanidade en colaboración con ANFACO-CECOPESCA chegou hoxe a San Sadurniño para explicar dun xeito divertido todas as propiedades nutritivas dos produtos do mar en conserva e as súas virtudes como fonte de enerxía.

A sesión estivo a medio camiño entre algo didáctico e algo lúdico no que os nenos e nenas participaron de forma activa desde o primeiro momento, comezando por un descubrimento guiado de todo o que ofrecen os océanos e rematando a actividade coa preparación de gorentosos bocados con todo tipo de conservas. 

Estaba previsto que ao encontro se sumasen os nenos e nenas da EIM A Rolada como parte da programación compartida coa Aldea de Verán que se deseñou para os venres. Porén, desaxustes horarios e a posibilidade de que orballase nos xardíns municipais -onde estaba previsto desenvolver o obradoiro- fixeron que finalmente fose só a cativería da Aldea de Verán quen gozou da actividade na Casa da Cultura. 

Prazas cubertas da aldea para agosto

Por outra banda, desde o departamento de Igualdade informaron este mediodía que xa están cubertas as prazas para a quenda de agosto da Aldea de Verán. O periodo de inscrición finalizou hoxe e completouse o cupo de 35 vacantes que se ofertaban na segunda parte deste programa municipal. A aldea desenvólvese con dous horarios entre as 8 e as 14 h. de luns a venres e con ela preténdese facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar ofrecéndolles aos nenos e nenas actividades educativas e de lecer coas que encherlles as mañás das vacacións estivais.

17 de xullo de 2015 | 21:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.