Xuventude organiza actividades para a mocidade de surf, barranquismo, rafting, ioga e pilates
A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense organiza unha nova edición do programa “Embárcate”, que proporcionará actividades de lecer para a mocidade ourensá durante o verán. Surf, barranquismo e rafting, ioga e pilates son as propostas, que se poñen á disposición de mozos e mozas de Ourense, co obxectivo de servir de alternativa de lecer durante as fins de semana de verán e fomentar os valores do deporte, coñecemento da natureza e a convivencia.
As persoas interesadas poderán inscribirse desde pasado mañá, venres, día 12 de xuño, na Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ourense, na Praza de San Martiño, 2, baixo dereita ou por correo electrónico xuventude@ourense.es. As prazas adxudicaranse por orde de presentación de solicitudes
Actividades Embárcate 2015
– “Saudando ao sol”: Sesións de ioga e pilates, relaxación e meditación guiadas dende a respiración, co fin de lograr una maior consciencia corporal, claridade mental e saúde física e emocional. Para maiores de 15 anos, conta con 20 prazas, e desenvolverase no Parque Barbaña os martes de 20 a 21:30h (Ioga) e xoves de 20 a 21h (Pilates) do mes de xullo. De balde.
– “Bautismo de Surf na Lanzada”: Unha fin de semana na praia da Lanzada participando nun curso de iniciación ao surf. Para maiores de 18 anos, conta con 24 prazas, e será o sábado, 18 e o domingo, 19 de xullo. Prezo: 43 euros, que inclúe desprazamento, aloxamento, pensión completa, actividades e alugueiro de material.
– “Sábado de Aventura”: Descenso de Canóns (barranquismo) no río Cerves e Rafting no Miño por augas bravas en balsa inchable, para 24 mozos e mozas maiores de 18 anos, en Arbo o sábado, 8 de agosto, de balde











