Xunta e Érguete colaboran na mellora da situación das mulleres en risco ou situación de exclusión social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Susana López Abella en Vigo

Susana López Abella en Vigo

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá xunto coa presidenta da Asociación Érguete, Carmen Avendaño Otero, e as persoas responsables do “Programa Mírate” a sede da Asociación. Érguete, é unha asociación sen ánimo de lucro que ten por obxectivo facilitar a incorporación sociolaboral das persoas en risco ou situación de exclusión social, cunha metodoloxía de traballo fundamentada no deseño e seguimento de itinerarios individualizados de inserción.

A Vicepresidencia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, colabora dende 2009 coa asociación ao abeiro da orde de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos para xestantes e lactantes, entre as que se encontran mulleres en situacións de risco ou en proceso de exclusión social. Concretamente, no pasado ano a Xunta subvencionou o “Programa mírate”, impulsado pola asociación de Avedaño Otero, con preto de 25.000 euros.

O programa de intervención, formulado dende unha perspectiva de xénero e dirixido a mulleres privadas de liberdade, pretende promover cambios nas súas condutas e emocións, cuestionar os mandatos do xénero ou buscar modelos de feminidade máis acordes ós seus desexos e necesidades. Así, o obxectivo final do “Programa Mírate” radica na mellora da saúde integral deste colectivo de mulleres.

25 de xuño de 2015 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.