publicidade hoxe

Xunta e Amicos colaboran na mellora da situación das mulleres con discapacidade e vítimas da violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroLocal Portada
A-
A+
Susana López Abella en Boiro

Susana López Abella en Boiro

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá xunto coa presidenta da Asociación de Familias de persoas con Discapacidade Psíquica, Mª Esther Vidal Rodríguez, e o alcalde de Boiro, Juan José Dieste Ortigueira, a Asociación de familias de persoas con discapacidade intelectual (AMICOS).

Esta Asociación sen ánimo de lucro ten por obxectivo prestar servizos e apoios a persoas con minusvalías e as súas familias, loitando por conseguir a súa inclusión como cidadáns de pleno dereito nunha sociedade xusta e solidaria.

A Vicepresidencia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, colabora dende 2009 coa asociación ao abeiro da orde de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes.

No marco desta liña de axudas, a Administración achegou á asociación nestes últimos anos unha contía próxima aos 65.000 euros para o financiamento de programas de recursos integrais para mulleres e programas de mantemento de centros e investimento.

Concretamente, o ano pasado, Igualdade destinou 29.000 euros para financiar un proxecto de acondicionamento dunha aula con mobiliario e equipos informáticos, accesible para a atención de mulleres con discapacidade que sofren ou está en risco de sufrir violencia de xénero, integrando a este colectivo nas novas tecnoloxías e favorecendo a súa alfabetización dixital.

Ademais, esta axuda valeu tamén para financiar a realización dun programa que tiña como obxectivo educar a estas mulleres fronte a situacións de maltrato e reforzar a súa autoestima e seguridade, entre outras cuestións.

Asociación AMICOS

AMICOS naceu no ano 2000, avalada por un grupo de pais e nais promovidos pola necesidade de crear un centro que atendese as necesidades dos seus fillos/as con minusvalías intelectuais. A día de hoxe, conta con 150 socio/as e atenden diariamente 74 persoas da provincia da Coruña, das cales máis de 50 son mulleres. Ademais a asociación conta cun centro de día, un centro de educación especial e un centro ocupacional.

19 de xuño de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.