Xulio Ferreiro preséntalle á oposición unha “proposta xenerosa” para a organización municipal
O Goberno local conversa nestes días cos grupos municipais co obxectivo de alcanzar un acordo para o Pleno de Organización, un diálogo que se mantén coa oposición desde hai varias semanas e que, segundo salientou este martes o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, parte dunha visión “moi conciliadora” do equipo de goberno. “Propoñémoslles aos grupos municipais cousas que nunca sucederan neste Concello”, afirmou Ferreiro. “Agardo que con esta oferta xenerosa que temos enriba da mesa os demais tamén teñan unha postura responsable e non fagan peticións inasumibles”, afirmou o alcalde, que se mostrou confiado en poder convocar “axiña” o Pleno de Organización.
Por outra banda, Ferreiro incidiu esta mañá no apoio do Concello á Universidade da Coruña. “Que a Universidade cumpra co papel que ten que cumprir na cidade entra dentro das miñas competencias, e iso pasa por asegurar que teña os seus gastos estruturais garantidos”, manifestou o alcalde, que tamén defendeu a institución como servizo público, fonte de investigación e educación e “polo de atracción e difusión de coñecemento”, ademáis do seu papel “tan importante para a vida económica da cidade”. “Isto é o que ten que solucionar a Xunta e tamén a Universidade, que está intentando poñer da súa parte. As apreturas económicas non deberían pasar por que a Universidade siga recortando internamente, senón por garantir o financiamento”, valorou.











