Xulio Ferreiro: “Non se poden arranxar en 15 días as desfeitas de catro anos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta de Goberno local do Concello da Coruña acordou este venres prorrogar durante un mes máis a concesión actual do servizo da ORA coa fin de gañar tempo para estudar en profundidade as diversas opcións que se lle presentan ao consistorio. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, explicou aos medios de comunicación, unha vez rematada a reunión semanal do Goberno local que, aínda que a intención do Executivo pasa por municipalizar o servizo da ORA, escollerase a opción que máis beneficie á cidadanía. “De momento, prorrogaremos a concesión do servizo un mes máis, tempo no que estudaremos as diversas opcións que temos en base ao informe encargado á asesoría xurídica”, indicou o rexedor. “Temos que tomar a mellor decisión posible e para iso temos que ter todos os elementos enriba da mesa e analizar a situación de forma pausada”, explicou.

A actual concesión do servizo da ORA remata esta semana, feito que obrigou ao Concello a prorrogar por un mes máis a actividade da empresa que actualmente se encarga deste cometido. O alcalde recordou que o actual Executivo local atopou “enriba da mesa” ao chegar ao Concello a concesión paralizada. Por iso, e preguntado polas críticas do grupo municipal do PP acerca da prórroga, aclarou: “Se tan urxente lles parecía, non entendemos por que o concurso quedou paralizado. Nós queremos estudar con calma todas as opción. Os desaxustes de catro anos non se solucionan en 15 días”.

Ferreiro explicou que o Goberno local estudará polo miúdo todas as consecuencias que carrexaría a municipalización do servizo. “Imos analizar todas as posibilidades que se nos presentan. Na nosa cabeza tamén están os traballadores e os postos de traballo”, dixo.

Por outro lado, o alcalde tamén se referiu á sentenza do TSXG que obriga ao Concello a realoxar aos habitantes do asentamento chabolista da Pasaxe durante a demolición do edificio de ‘La Toja’.

Ferreiro explicou que a vontade do Goberno local pasa por buscar una situación “integral, e non puntual”, en todos os asentamentos precarios da cidade. “Non podemos quedarnos nun mero realoxo. Isto ten que pasar por unha solución integral, que contemple unha inserción tanto local como de carácter educativo”, explicou Ferreiro, que adiantou que a próxima semana unha representación do Concello visitará o asentamento chabolista. “Empezamos xa a ter reunións coas partes implicadas”, dixo.

Por outro lado, nunha entrevista en Radio CoruñaCadena Ser, Ferreiro amosou a súa satisfacción pola reunión que este xoves mantivo, xunto coa concelleira de Participación, Claudia Delso, con máis de 50 colectivos veciñais da cidade.

“Os movementos veciñais deben de ser autónomos. Nós non queremos unha voz que sempre estea louvando o que fai o Concello ou que sempre o estea atacando. Buscamos unha voz crítica, que nos axude a detectar aquelas cuestións ás que podemos non estar chegando”, indicou. “Por iso este tipo de reunión son tan necesarias. Temos que traballar neste camiño e a interlocución debe ser moita”, engadiu.

26 de xuño de 2015 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.