Xulio Ferreiro avanza que o Concello da Coruña dará máxima prioridade ao informe sobre o servizo da ORA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse esta mañá cos responsables da empresa Setex Aparki SA abordar o futuro da xestión deste servizo municipal. Como se lles comunicou, o Concello ten solicitado un informe á asesoría xurídica para analizar as opcións que existen, neste momento, para recuperar o servizo da ORA. “Debemos ver que posibilidades hai para acometer unha xestión directa por parte do concello, ademais de coñecer que custe tería”, explicou Ferreiro, que engadiu que, na cita deste luns, escoitou a postura da compañía. “Quedamos en seguir mantendo contacto e, cando o informe xurídico estea rematado, tomar unha decisión ao respecto”, declarou.

Tal e como avanzou Ferreiro, o Concello dará máxima prioridade ao informe que analizará a posibilidade de municipalizar os servizos da ORA. “Os prazos son os que son, e queremos que isto se resolva rapidamente para prorrogar o menos posible o contrato. No caso de que se tome a decisión de recuperar o servizo, tamén buscaremos a máxima celeridade”, indicou.

Reunión cordial

O alcalde cualificou a reunión con Setex de “cordial”. “Non temos nada en contra da empresa, e eles enténdeno perfectamente. Aquí do que se trata é de cumprir un compromiso de programa e actuar conforme pensamos que se deben xestionar os contratos públicos”, manifestou.

Tamén, o rexedor explicou que o Concello solicitou aos servizos xurídicos competentes información acerca da situación dos traballadores de Setex. “Neste momento o que temos que facer é pararnos a pensar. Atopámonos con esta cuestión enriba da mesa e temos que determinar a nosa postura. Para iso, debemos ter unha opinión o máis formada posible e adoptar a opción que lle xere o menor prexuízo económico ao Concello, o que lle custe menos a todos e a todas”.

22 de xuño de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.