Xornalistas holandeses da revista ‘Op Pad’ percorren o camiño dos faros da Costa da Morte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

Unha xornalista holandesa da revista especializada en viaxes relacionados coa natureza ‘Op Pad’, acompañada dunha fotógrafa da publicación, visita Galicia dende hoxe e ata o día 16 de xuño para percorrer o Camiño dos faros da Costa da Morte, entre Malpica de Bergantiños e Fisterra.

A revista ‘Op Pad’ é un referente do sendeirismo en Holanda, dende 1983, sendo a revista de cabeceira para moitos amantes do aire libre.

Nesta viaxe de familiarización, promovido por Turismo de Galicia e a Oficina de Turismo de España na Haia, as participantes percorrerán en oito etapas a distancia que separa as dúas localidades da Costa da Morte.

Na xornada de hoxe cubrirán o traxecto que separa Malpica de Bergantiños do lugar de Niñóns, ao longo de 22 quilómetros.

Mañá día 10 de xuño, farán a etapa de 26 quilómetros que transcorre entre Niñóns e Ponteceso e o xoves día 11, o traxecto de 25,7 quilómetros que separa Ponteceso de Laxe.

O día 12 de xuño a xornalista e a fotógrafa holandesas farán os 17,7 quilómetros da ruta do Camiño dos faros entre Laxe e Arou, en Camariñas, mentres que o día 13 estará reservado para o traxecto entre Arou e Camariñas, de 22,7 quilómetros.

O día 13 percorrerán o perímetro da Ría de Camariñas entre esta vila e a de Muxía, de 32 quilómetros, para, xa o día 14, facer o percorrido de 24,4 quilómetros entre Muxía e a praia de Nemiña.

Por último, o día 15 de xuño camiñarán entre Nemiña e o Cabo de Fisterra, última etapa do Camiño dos faros da Costa da Morte, cun percorrido de 26,2 quilómetros.

Promoción internacional

A viaxe enmárcase dentro no plan de promoción internacional polo que está a apostar Turismo de Galicia para este 2015.

A través destes de familiarización e de prensa preséntase a axentes, turoperadores e xornalistas internacionais os diferentes destinos galegos.

O pasado ano Turismo de Galicia organizou 17 viaxes de familiarización turística que trouxeron a Galicia un total de 85 xornalistas e turoperadores que procedían maioritariamente do mercado internacional.

No que respecta a este ano, nestes primeiros meses, xa visitaron a nosa comunidade, dous xornalistas procedentes da provincia chinesa de Cantón, un xornalista procedente de Alemaña, un xornalista inglés e dous grupos de operadores, un alemán e outro británico.

Máximos históricos

Grazas a iniciativas como esta o turismo internacional incrementou no primeiro cuadrimestre deste ano un 16,4% as súas pernoitas e un 20,6% os seus viaxeiros.

Estes resultados positivos levan a que turismo internacional rexistrou nestes primeiros catro meses do ano un máximo histórico, con máis de 166.000 viaxeiros.

Así mesmo, este mercado acadou un máximo histórico de peso no conxunto da demanda referida ao primeiro cuadrimestre tanto no que atinxe aos viaxeiros aloxados –supón o 19,6%- coma ás pernoitas –representa neste caso o 18,4%-.

9 de xuño de 2015 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.