Xesús Constela presenta a novela “Apoteose das perchas” no Museo de Pontevedra
O escritor ferrolán Xesús Constela presenta este xoves, no Museo de Pontevedra, a súa nova publicación, Apoteose das perchas, unha novela breve na que prima o deseño de situacións aparentemente absurdas ou delirantes e na que todo parece estar ó servizo do ton humorístico. Xesús Constela retorna á narrativa cunha historia que serve para despregar unha crítica respecto da aparencia e das dobres identidades que, tantas veces, son quen de falsear a propia realidade malia que non sempre o consigan.
Organizada en colaboración co Ateneo de Pontevedra a presentación da obra terá lugar no Sexto Edificio, ás 20:00 horas. Ademais do autor, Xesús Constela, participarán a deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez, o xornalista do Diario de Pontevedra Serafín Alonso Casás, o director de Edicións Embora, Miguel Toval, e o presidente do Ateneo, Xaime Toxo.











