Vence non dubidaba da sensatez do PSOE e que o BNG contribuirá a un goberno de progreso en Lugo
O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, afirmou que a súa formación non dubidaba “da responsabilidade e sensatez do Partido Socialista”, tras coñecerse o anuncio da renuncia do alcalde en funcións de Lugo e candidato polo PSOE, José López Orozco, feito tras o cal garantiu que os nacionalistas contribuirán co seu voto a conformar “un goberno de progreso” na cidade.
Nunha rolda de prensa que se desenvolveu case ao mesmo tempo que a convocada por Orozco para anunciar a súa decisión, Vence, a preguntas dos xornalistas, sinalou que non dubidaba “da responsabilidade e sensatez do Partido Socialista para atopar unha solución á gobernabilidade do concello de Lugo e a súa capacidade para ofrecer unha alternativa que permitise a constitución dun goberno de progreso”.
A este respecto, destacou que, “na medida en que se dean as condicións que o BNG viña reclamando, obviamente” contribuirá co seu voto na sesión de investidura “á conformación dun goberno de progreso na cidade de Lugo”.
A condición que dende un principio impuxeron Lugonovo (tres edís) e o Bloque (dous edís) para entrar en negociacións con socialistas foi precisamente a renuncia do rexedor lucense.











