publicidade hoxe

Usuarios do Centro para persoas con discapacidade da Coruña participan nunha actividade de ‘Lecer Activo’ en Oza-Cesuras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOza/Cesuras
A-
A+

Usuarios do Centro de atención ás persoas con discapacidade (CAPD) da Coruña tomaron parte hoxe en Oza-Cesuras nunha actividade en contacto directo coa natureza e que estivo asistida por cans, de forma que os participantes aprenderon e interactuaron nunha contorna natural.

Esta actuación forma parte do programa ‘Lecer Activo’ que está a desenvolver este verán a Consellería de Traballo e Benestar con usuarios de diferentes centros de atención a persoas con discapacidade. A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou hoxe en Oza-Cesuras aos usuarios do CAPD da Coruña que realizaron esta actuación nesta localidade coruñesa.

Un total de 120 persoas deste Centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) están a gozar tanto de saídas/excursións por espazos naturais como tamén de actividades nas que poden disfrutar dos animais (cabalos, cans, etc…) e que ademais contribúen ao seu desenvolvemento persoal. Deste xeito, están a realizarse actividades como circuítos de axilidade, superación ou pasarela, e nos que as persoas acompañan aos cans na superación dos obstáculos. Tamén se ensina como solicitar aos cans a realización de exercicios de obediencia.

Este programa realizarase todos os luns e está prevista a participación de 15 persoas usuarias por día cunha participación total no programa de 120 persoas ao remate das 8 xornadas. Coa realización desta actividade preténdese fomentar a súa autoestima e reforzar as súas potencialidades.

Piñeiro apuntou que a participación das persoas con discapacidade en actividades de tempo de lecer, culturais e deportivas segue sendo un importante aspecto de mellora, “pola súa importancia tanto na saúde como no desenvolvemento dos procesos de socialización e da personalidade”.

A súa realización, segundo destacou a secretaria xeral, favorece a estimulación cognitiva, sensorial ou física e facilita a adquisición de habilidades sociais, ao tempo que permite o establecemento de relacións sociais, imprescindibles para a inclusión social e a participación nos diferentes ámbitos da sociedade.

A edición deste ano 2015 do programa ‘Lecer Activo’ contén unha programación de actividades que teñen como obxectivo que estas persoas poidan ser tanto actores como espectadores, co obxectivo final de que poidan desenvolver as súas potencialidades tanto creativas como deportivas ou artísticas.

Nesta actividade participan usuarios do CAPD da Coruña, e ten lugar no período estival, ata o mes de setembro, de xeito que aquelas persoas que non poden acudir aos seus domicilios familiares nesas datas, teñan oportunidade igualmente de gozar dun tempo de lecer.

Outras actividades

Ademais da actividade de natureza, ‘Lecer Activo’ ten tamén as variantes de vela adaptada e de artes. O ‘Lecer Activo’ das artes xira nesta edición ao redor da música e o teatro, e está prevista a súa realización no terceiro ou cuarto trimestre do ano no CAPD Sarria. Neste caso serán obradoiros de fin de semana nos que as persoas con discapacidade serán tanto actoras como tamén espectadoras, de xeito que lles permita sentirse protagonistas e ao tempo traballar tamén as súas capacidades para gozar da música, o teatro, ou a pintura. Complementarase coa asistencia a algún espectáculo, e tamén con saída a algún museo.

Por último, na actividade de vela adaptada un total de 15 persoas do CAPD de Redondela xa participaron este mes en tres actividades de vela adaptada no Real Club de Iates de Baiona. Ata a actualidade, a experiencia levábase a cabo con persoas con discapacidade física e, neste ano por primeira vez, ampliouse a persoas con outras tipoloxías de discapacidade, maiormente intelectual, e que esta Consellería tamén promove a través da colaboración coas entidades de iniciativa social mediante convenios de colaboración.

29 de xuño de 2015 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.