Usuarios de Cogami en Lugo viaxan a Malta para participar nun proxecto europeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

Catro persoas usuarias do centro de recursos de Fingoi que COGAMI ten en Lugo, acompañadas por unha traballadora social do centro e a coordinadora da área de proxectos, viaxan a Malta o mércores, día 10 de xuño, para participar nun proxecto europeo: Creative Ways.

Do 11 ata o 14 de xuño asistirán ao ART-is Festival, festival europeo das artes de persoas con discapacidade, onde farán unha representación ante máis de cen persoas con discapacidade chegadas de organizacións de diferentes países: Alemaña, Bélxica, España, Finlandia, Islandia, Polonia, Reino Unido e Turquía. 

Cada unha das entidades participantes vai representar unha obra de teatro que durante o ano idearon e estiveron ensaiando, para finalmente representar unha obra en común con todas as persoas congregadas, que se estreará o día 13 no Centro para a Creatividade St James Cavalier, situado en Valletta, e á que está convidada a participar a presidenta do país.

Dende COGAMI van representar unha obra cun tema moi actual, a inmigración, querendo facer unha homenaxe ante os milleiros de persoas que veñen cara a Europa e perciben indiferenza do resto do mundo. Será a través da expresión corporal como se expresen os nosos participantes. 

A celebración do festival vai supoñer o punto final de dous proxectos europeos, o Artis e o Proxecto Creative Ways, que están enmarcados no Programa Aprendizaxe Permanente. Nos dous se traballa o empoderamento das persoas con discapacidade a través do teatro, a danza e a música, intentando que obteñan unha mellor participación na sociedade, unha mellora da autoestima e potenciación das habilidades sociais.

9 de xuño de 2015 | 10:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.