publicidade hoxe

Unha vintena de artesás especialízanse nas técnicas do patchwork nun curso en Gondomar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomar
A-
A+
Curso patchwork en Gondomar

Curso patchwork en Gondomar

A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, está a impulsar a celebración en Gondomar do curso de especialización para artesáns Técnicas de centón. A iniciativa, que botou a andar o luns e rematará o vindeiro venres 13 de xuño nas instalacións do Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar está impartida polas artesás Paula Suárez e María del Mar Fernández. Nela están a participar 17 alumnas que coñecen de primeira man diversas técnicas do centón ou patchwork, un oficio que consiste no traballo de confección de pezas textiles unindo fragmentos de teas de diferentes tipos e cores.

Os traballos elaborados neste curso, que hoxe visitou a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía, Elena Fabeiro, empregaranse posteriormente no IV Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, onde o público en xeral poderá participar na creación dunha peza conxunta de centón conmemorativa do evento.

A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, aposta pola oferta formativa para o sector artesán galego coa organización de seis cursos que se están a celebrar entre os meses de maio e xullo en diferentes localidades galegas. Os tecidos, o centón, a sombreirería, a fotografía e o deseño son as áreas nas que se centran estas actividades nas que poderán participar os profesionais do sector artesanal e o deseño galego e que son publicadas na páxina web artesaniadegalicia.xunta.es

No IV Encontro Corazón da Artesanía de Agolada (Pontevedra), que se celebrará do 3 ao 5 de xullo, a oferta formativa será un dos atractivos e, a maiores das demostracións dun amplo número de artesáns, os interesados poderán optar por participar en workshops como A asa. Análise, práctica e deseño que será impartido polo recoñecido deseñador internacional Assaad Awad; Fotografía aplicada á artesanía impartido polo fotógrafo alemán e afincado en Lugo, Peter Schneider; Oficios de moda. Sombreirería con novos materiais que impartirá a artesá pontevedresa Viviana Araújo; ou Fotografía para dispositivos móbiles. Artesanía no prato que impartirá o comunicador audiovisual David Cabezón.

A partir do mes de setembro a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presentará novas accións que se están a organizar, enmarcadas no eido da formación, como o curso que dirixirá o reputado deseñador belga Serkan Cura, especializado na técnica da plumería aplicada á alta costura e que acudirá, por segundo ano consecutivo, a Galicia para compartir o seu bo facer cos artesáns e artesás galegos.

A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.

11 de xuño de 2015 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.