publicidade hoxe

Unha ducia de concellos galegos poñen en marcha o programa Apego para fomentar a transmisión do galego como lingua inicial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA BañaCarballoCarnotaFerrolLocal PortadaNarónNegreiraOurensePontevedraRedondelaRoisSantiago de CompostelaVigo
A-
A+
Presentación de "Apego" en Santiago

Presentación de “Apego” en Santiago

A concelleira de Cultura en funcións, María Antón, presentou Apego, un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial e axudar ao seu mantemento. Este proxecto, nado por iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, desenvólvese, de xeito cooperativo, entre os servizos de normalización dos concellos de Santiago de Compostela, A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois e Vigo.

Apego vai dirixido ao contexto familiar e social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida (0 a 6) para achegarlle argumentos, facilítalle recursos e procurar a existencia de redes que sosteñan e arroupen o uso do galego. Nese contexto tense en conta o núcleo de crianza na casa e tamén os espazos de socialización como as escolas infantís, as ludotecas ou os parques.

Elaborouse unha serie de items cos que achegar a información e invitar a que a acollida dos nenos e nenas se faga en galego. Tamén se creou un espazo virtual de información e intercambio que servirá de punto de encontro dos recursos que se poidan ofrecer ás familias que desexen incorporar ou manter o galego. Este espazo, www.apego.gal, será unha porta aberta á oferta municipal en galego para estas idades, máis tamén o quere ser ás iniciativas sociais de calquera tipo que concorden cos obxectivos do Apego.

Campaña informativa na rede sanitaria e agasallos

A través da web, as familias interesadas poden sumarse á comunidade do Apego para recibiren de xeito máis directo a información e o apoio. E tamén se poderán sumar grazas á campaña informativa que se distribúe na rede sanitaria e que os invita a achegárense ao servizo de normalización para recoller os agasallos de benvida. Estes agasallos están deseñados para dous momentos -unha caixa que se entrega ás nais xestantes e un CD cunha selección musical que poderán recoller no momento en que o neno ou nena estea empadroado- e cun obxectivo: contribuír a que as familias teñan unha visión positiva da nosa lingua e se animen a transmitila.

Ademais destes ítems, que queren estar presentes durante os primeiros anos da crianza, iranse organizando accións de intercambio e socialización coas que enriquecer o uso da lingua, crear ou manter redes colaborativas e apoiar o labor das familias. No caso de Compostela, programáronse dous obradoiros formativos para as escolas infantís 0-3 sobre os recursos que existen para a educación nestas etapas en galego, que se completarán con iniciativas como as que xa convocaron algúns dos concellos participantes: obradoiros de xogos de dedos, cantos de berce, contacontos, concertos para bebés…

2 de xuño de 2015 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.