Unha app gratuíta dá a coñecer o modo de vida nos castros de Santa Trega, Ventosa e Coaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaLocal Portada
A-
A+

GaliPat Servizos Culturais acaba de lanzar a aplicación gratuíta EduCastro para tabletas iPad e móbiles iPhone, que permite coñecer como era a vida no castro de Santa Trega (A Guarda, Pontevedra) e nos castros asturianos de Ventosa e Coaña. A app é parte do proxecto EduCastro, financiado polo Ministerio de Cultura, a Consejería de Cultura do Principado de Asturias e o Concello da Guarda.

Esta aplicación achega xogos interactivos e información sobre as comunidades castrexas, a vida a cotío nos castros, a artesanía e as construcións da época, e explica como a arqueoloxía permite saber todas estas cousas, sendo un interesante recurso didáctico complementario das visitas guiadas. Pódese descargar de balde accedendo á AppStore desde www.educastro.es.

Visitas guiadas

Este proxecto educativo céntrase no mundo dos castros do Noroeste da Península Ibérica e oferta para os centros escolares de Primaria e Secundaria que queiran visitar algún destes tres castros un programa que consta de visitas guiadas e obradoiros didácticos.As visitas organizaranse en quendas de dúas horas de duración por cada autobús visitante e están abertas ademais a asociacións e igualmente pode participar nelas o público en xeral realizando unha reserva a través da web www.educastro.es.

As visitas guiadas a Santa Trega son de 45 minutos de duración e continúan cun obradoiro didáctico sobre os modos de vida na Idade do Ferro (s.VIII a.C.-II d.C.). Cada obradoiro adaptarase ás idades e ciclos específicos. Os obradoiros que poderán realizar os grupos de escolares participantes serán: A Muller e a cerámica na Idade do Ferro (terceiro ciclo de primaria); Símbolos do pasado (primeiro e segundo ciclo de primaria) e Cazadora na Prehistoria (Secundaria).

Aula virtual

O proxecto EduCastro complétase cunha plataforma web con aula virtual (www.educastro.es) á que cada docente poderá acceder para consultar unidades didácticas e recursos para poder traballar co alumnado na aula. 

3 de xuño de 2015 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.