Un total de 312 traballadores do Concello de Vilagarcía elixen aos seus delegados sindicais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Vilagarcía celebra mañá as eleccións sindicais. Trescentos doce traballadores municipais están chamados ás urnas para elixir aos delegados que formarán parte da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa durante os próximos catro anos e que se encargarán de representar á plantilla de Ravella nas mesas de Negociación co grupo de goberno.

As votacións terán lugar mañá no salón de Plenos do Concello. As mesas abriranse ás 10 da mañá e pecharanse ás 16:30 a efectos de cubrir as distintas quendas laborais do persoal.

Para as eleccións sindicais do Concello existen dous censos. O dos funcionarios componse de 185 traballadores que deberán elixir aos 9 membros que forman a Xunta de Persoal. Os sindicatos que presentan candidatura neste apartado son UGT, CIG e CSIF.

O Comité de Empresa é o órgano que representa ao persoal laboral do Concello. Tamén se compón de 9 membros (5 representando ao grupo de Técnicos e administrativos e 4 ao de Especialistas e non cualificados). O censo de laborais integra a 127 traballadores dos que 64 son Técnicos e Administrativos e 53 Especialistas e Non Cualificados. O persoal laboral con dereito a voto é todo aquel que conte con 7 meses de antigüidade, segundo o acordado no seu día. Para o Comité de Empresa concorren as listas de UGT, CCOO e CIG.

Ademais, nas eleccións sindicais, os traballadores municipais tamén poderán elixir aos seus representantes na Comisión de Control do Plan de Pensións.

16 de xuño de 2015 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.