Un total de 28 bolseiros da Deputación de Pontevedra comezan a traballar nas oficinas de turismo da provincia
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a responsable de Turismo Rías Baixas, Ruth González, recibiron esta mañá os mozos que o vindeiro luns estarán á fronte das oficinas de turismo da provincia. A partir do 15 de xuño 28 graduados e diplomados en Turismo, técnicos superiores en Información e Comercialización Turística e técnicos superiores en Guía, Información e Asistencias Turísticas encargaranse, segundo o presidente provincial, de que “os que nos visitan teñan a sensación de que, ademais da paisaxe e a riqueza patrimonial, a atención e o servizo que se lles presta ós turistas e visitantes na provincia son os mellores”.
Máis guías turísticos desde o 15 de xuño
A contratación destes bolseiros reforzará a promoción turística durante catro meses (do 15 de xuño ó 15 de outubro) nas oficinas de Cambados, Cangas, A Guarda, O Grove, Nigrán, Ribadumia, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa. En Arbo, Covelo, Cuntis, A Estrada, Gondomar, Moaña, Meis (A Armenteira), Oia, Ponteareas (castelo de Sobroso), Silleda e Soutomaior (castelo) este servizo manterase durante tres meses (do 15 de xuño ó 15 de setembro).
Segundo a responsable de Turismo Rías Baixas desde a posta en marcha deste plan de bolseiros “é a primeira vez que os castelos de Sobroso, en Mondariz, e de Soutomaior disporán dun guía turístico”.
Co obxectivo de mellorar a organización e coordinación dos servizos e recursos turísticos estes novos guías desenvolverán as súas tarefas seguindo as indicacións do Servizo de Turismo Rías Baixas para unha mellor promoción dos destinos e atención ós visitantes.
Estes 28 informadores turísticos súmanse ós 17 mozos que, dentro do Plan de Práctica Laboral, están a traballar noutras oficinas da provincia (Vila de Cruces, Lalín, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Bueu, Redondela, Vigo, Mos, Tui e Baiona) desde o pasado mes de abril.
Boas expectativas para o verán
Rafael Louzán destacou que “a provincia de Pontevedra é unha potencia turística” e que as expectativas para a temporada estival, que está a piques de comezar, “son moi boas; se se cumpren os prognósticos e a climatoloxía acompaña producirase unha situación inmellorable que permitirá a creación de emprego e a mellora económica”. O presidente da Deputación manifestou que o propio sector fai un “balance positivo atendendo a como se está movendo o mercado neste momento”.
Rafael Louzán sinalou o labor que a institución provincial está a realizar para promover e poñer en valor o turismo na provincia. Salientou que “desde hai dous meses 2.000 persoas están traballando na recuperación de espazos naturais e zonas verdes”.











