Un total de 123 alumnos de 18 centros de FP farán prácticas remuneradas en empresas europeas durante seis meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Uns 123 alumnos de 18 centros de Formación Profesional da provincia de Pontevedra poderán realizar, durante seis meses, prácticas remuneradas da súa especialidade en empresas e institucións europeas grazas a un proxecto da Deputación de Pontevedra, denominado “Practicum”, para o que a Comisión Europea achegou un millón de euros. As prácticas comezarán nos primeiros meses do vindeiro curso, segundo explicou hoxe en rolda de prensa o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

O programa “Practicum Depo 2015” está orientado a completar a formación dos mozos, a mellorar o seu dominio dos idiomas e a ampliar as súas posibilidades de inserción laboral.

As bolsas Erasmus+, que a Deputación de Pontevedra lle solicitou ó Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos para o 2015, están destinadas a mozos e mozas que acaban de titularse en ciclos medios de FP.

18 centros de FP da provincia sumáronse a este proxecto para enviar a Europa 123 alumnos que realizarán prácticas de seis meses en empresas privadas ou organismos públicos de diferentes países, preferentemente de fala inglesa. Os bolseiros estarán nos seus destinos en agosto ou setembro ou, como moi tarde, nos primeiros meses do vindeiro curso académico.

Os 18 centros participantes no proxecto son:

Vigo: IES A Guía; Ricardo Mella; Centro de Artes Plásticas e Deseño Atlántico; Chapela; Politécnico, e Centro de Formación Divino Maestro.
Pontevedra: Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán; IES A Xunqueira I, e IES Montecelo.
Ponteareas, A Granxa; Vila de Cruces, IES Marco do Camballón; Silleda, IES Pintor Colmeiro; Salvaterra de Miño, IES Salvaterra de Miño; Cambados, IES Francisco Asorey; Tomiño, IES de Tomiño; Marín, IES Chan do Monte; Sanxenxo, IES de Vilalonga, e Moaña, IES A Paralaia.
As prácticas, de gran calidade, están ben remuneradas. Desenvolveranse en países con mellores posibilidades de formación e práctica en cada unha das especialidades elixidas polo alumnado.

Louzán afirmou que a Deputación de Pontevedra segue avanzando na promoción do emprego e na mellora das oportunidades laborais para a mocidade e citou como exemplos xa en curso “os plans de emprego para parados; os de práctica laboral para universitarios, ciclos superiores e persoas con discapacidade; e agora, ademais doutros, titulados de ciclos medios para que poidan reforzar a súa formación, aproveitar o seu talento e ter un mellor futuro laboral”.

19 de xuño de 2015 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.