Un total de 123 alumnos de 18 centros de FP de Pontevedra farán prácticas laborais en Europa
O programa Practicum Depo 2015 está orientado a completar a formación dos mozos, a mellorar o seu dominio dos idiomas e a ampliar as súas posibilidades de inserción laboral, segundo explicou hoxe en rolda de prensa o presidente da Deputación, Rafael Louzán. Un proxecto para o que a Unión Europea lle concedeu ó organismo provincial 1 millón de euros.
123 alumnos de 18 centros da provincia
Un total de 18 centros de FP da provincia sumáronse a este proxecto, a través do que se enviarán a Europa a un total de 123 alumnos que realizarán prácticas de seis meses en empresas privadas ou organismos públicos de diferentes países europeos, preferentemente de fala inglesa. Os bolseiros estarán nos seus destinos en agosto ou setembro.
Os centros de FP que participan no programa Practicum Depo 2015 son:
Seis centros de Vigo (IES A Guía, Ricardo Mella, Centro de Artes Plásticas e Deseño Atlántico, Chapela, Politécnico e Centro de Formación Divino Maestro).
Tres centros de Pontevedra (Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, IES A Xunqueira I e IES Montecelo).
Un centro de cada un dos seguintes concellos: Ponteareas (A Granxa), Vila de Cruces (IES Marco do Camballón), Silleda (IES Pintor Colmeiro), Salvaterra de Miño (IES Salvaterra de Miño), Cambados (IES Francisco Asorey), Tomiño (IES de Tomiño), Marín (IES Chan do Monte), Sanxenxo (IES de Vilalonga) e Moaña (IES A Paralaia).
Rafael Louzán manifestou que a concesión deste programa por parte da UE “é premiar a Deputación polos antecedentes do organismo provincial a prol da inserción laboral. Seguimos avanzando na promoción do emprego e na mellora das oportunidades laborais para os mozos A Deputación puxo en marcha plans de emprego para desempregados, prácticas laborais para universitarios, estudantes de ciclos superiores e persoas con discapacidade; os titulados de ciclos medios poderán agora tamén reforzar a súa formación, aproveitar o seu talento e ter un mellor futuro laboral.
Estas bolsas Erasmus+, concedidas polo Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos para o 2015, están destinadas a mozos titulados recentemente en ciclos medios de FP. Trátase de prácticas moi ben remuneradas e de gran calidade, pois os alumnos irán a países con mellores posibilidades de formación e práctica en cada unha das especialidades ofertadas.











