Un total de 10 alumnos con discapacidade do IES Montecelo farán prácticas na Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

A partir do mes de setembro 10 alumnos do IES Montecelo comezarán a realizar prácticas profesionais nas dependencias da Deputación. Así se establece no convenio acordado coa Consellería de Cultura e Ordenación Universitaria, aprobado recentemente polo Pleno provincial e dirixido a mozos con discapacidade. Trátase de alumnos do ciclo formativo de Servizos Administrativos, que reforzarán a súa aprendizaxe académica con prácticas no organismo provincial co fin de mellorar a súa preparación profesional de cara á súa futura inserción laboral.

Nove meses de formación práctica

A formación práctica terá unha duración de nove meses, cunha xornada de 24 horas semanais nas que se combinarán formación e traballo. O ciclo completarase con horas de formación presencial no IES Montecelo, co fin de que os mozos obteñan formación teórica e práctica nun contorno real de traballo. Dous días estarán reservados para que o alumnado acuda ó centro e os outros tres á Deputación.

Distribución da actividade na Deputación

Os alumnos seleccionados disporán dunha bolsa en compensación polas tarefas realizadas. Así mesmo, a Deputación nomeará unha persoa como titor do alumno, que será o responsable do seguimento das actividades formativas previamente acordadas co centro educativo, da coordinación da actividade profesionalizadora coa formativa e da comunicación co IES. Este proxecto de FP Dual dirixido a persoas con discapacidade prolongarase durante os cursos 2015-2016, 2016-2017 e 2017-2018. O reparto de horas establecerase segundo os días lectivos marcados no calendario escolar.

22 de xuño de 2015 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.