publicidade hoxe

Un equipo de San Sadurniño prepárase para a Gladiator Race de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Adestramentos para a Gladiator Race

Adestramentos para a Gladiator Race

“Se non sofres, non ganas”, ese é o lema da Gladiator Race que se celebra o 27 de xuño en Santiago. Serán 9 quilómetros de trazado con ata 26 obstáculos, uns naturais e outros artificiais, polos que haberá que correr, gabear, andar a rastro, mollarse, enzoufarse na lama e mesmo pasar polo lume. Unha proba, en definitiva, para poñer a proba a resistencia física ao tempo que se solta adrenalina. Cousa seria, polo tanto, que require estar ben de forma e facer unha preparación específica. Un grupo de 7 deportistas de San Sadurniño tentarán pasar con ben este inferno e por iso apuran estes últimos días para poñerse a punto no ximnasio e no contorno do colexio público.

A Gladiator Race promete ser o máis parecido a un inferno na terra -controlado, iso si- para quen guste de levar ao límite a súa resistencia física. É algo semellante a unha pista americana. Quen fose á mili saberá ben de que se trata, xa que os exércitos de todo o mundo a empregan como método de adestramento. 

Buratos, foxos, cordas, pasarelas estreitas e sen varandas, auga, lama e todo o imaxinable pode converterse nun obstáculo que salvar individualmente ou en equipo. E dicimos “imaxinable” porque ata o momento só se sabe que a Gladiator se celebrará no Monte do Gozo con 1.800 participantes inscritos -sairán en quendas de 150-, que terá arredor de 9 km e que haberá 26 atrancos no percorrido. O tipo e a disposición é un segredo ben gardado para sumarlle á dificultade técnica tamén o factor sorpresa.  

As normas son sinxelas, isto é o que hai e quen chegue antes gana. E hai que pasar obrigatoriamente por todos os obstáculos. Quen corra individualmente e vexa que non pode superar algún terá a opción de facer perante un xuíz 20 burpees, ou o que é o mesmo: facer 20 flexións poñéndose de pé e saltando entre cada unha delas. No caso dos equipos poderase obter axuda doutro ou doutra compoñente. E -tamén- dicimos “doutro ou doutra” porque os equipos han de ser mixtos e cun mínimo de 5 persoas. 

De San Sadurniño irá un de 7 que xa anda a voltas -literalmente- coa preparación da proba. Este martes estrearon un circuíto arredor do CPI no que dispuxeron algúns obstáculos mentres que outros son os propios do contorno. Aros, pneumáticos, balóns, valos, espaldeiras… pero tamén o portalón traseiro de acceso ao centro, as redes da pista de hóckei, colchonetas, etc. Un circuíto xa duro de por si que se aburrirán de facer nos próximos días e cunha dificultade que, seguramente, se vexa multiplicada por 10 na Gladiator. 

Apuntan maneiras. Nos adestramentos véselles forza e axilidade de sobras. Falta lles han facer o día 27.

17 de xuño de 2015 | 20:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.