publicidade hoxe

Un centenar de cativos participarán o domingo no I Torneo de ximnasia rítmica Brío

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

San Sadurniño estréase este domingo nas competicións de ximnasia rítmica a través do torneo que organiza a asociación Brío. Hai 9 equipos inscritos -con participantes nas categorías de prebenxamín, benxamín e alevín- procedentes de clubes de San Sadurniño, Ferrol, As Pontes, Sarria e Monforte. Clubes que, por outra banda, tamén achegan unha vintena de deportistas para as probas individuais. En total a participación achégase ao cento de ximnastas escolares.

A asociación Brío, constituida recentemente en San Sadurniño, impulsa este torneo como maneira de promover e dar a coñecer tanto a ximnasia como o baile moderno. Comezará ás 11.30h. e desenvolverase durante toda a mañá nas modalidades de conxuntos e individuais.

Trátase dun encontro de equipos en idade escolar, de feito  participarán deportistas das categorías prebenxamín, benxamín e alevín pertencentes a Brío, ao Club Esquío de Ferrol, á Asociación Deportiva Aixa de Sarria e ás escolas de ximnasia Quicela de Monforte e a das Pontes.

O encontro arrancará con dúas exhibicións e, de seguido, pasarase á competición de conxuntos:

-4 equipos na categoría Prebenxamín.
-1 equipo na categoría Benxamín.
-4 equipos na categoría Alevín.

Ao seu remate tocaralle á competición de individuais:

-5 participantes na categoría Prebenxamín.
-6 participantes na categoría Benxamín.
-9 participantes na categoría Alevín

O torneo finalizará cunha exhibición, co desfile de rigor de todos os nenos e nenas participantes e coa entrega de trofeos. A actividade, que se celebrará no pavillón municipal, conta co patrocinio municipal e de varias casas comerciais: a Cooperativa de Meirás, o Mesón A Granxa, Metalfra, Álex Coira Fotografía, Academia San Sadurniño, Transportes Chao, Construcións e reformas Daylu, Libraría Brétema e Café Panadería Inxerto. Colaboran, ademais, Café del Palacio, Farmacia San Sadurniño, Café DZINE, Cafetería Atrium e Almacenes Luís Calvo.

12 de xuño de 2015 | 11:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.