Un 30% dos alumnos do programa de formación profesional básica da Xunta en Ferrol acadaron un emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Un total de 75 alumnos tomaron parte este curso na comarca de Ferrolterra no programa de formación profesional básica e accións formativas para desempregadas das consellerías de Traballo e Benestar e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do que os participantes realizaron prácticas de formación en empresas durante 3 días á semana, ao tempo que reciben formación básica nun instituto dos días á semana.

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participaron hoxe en Ferrol na clausura do curso e entregaron os diplomas acreditativos ás empresas que formaron parte do programa, así como aos alumnos e alumnas. Das 75 persoas que participaron un total de 49 aprobaron o curso e un 30,6 por cento acadaron un posto de traballo.

Este curso ofertáronse un total de 14 accións formativas en cinco perfís profesionais diferentes: comercio (reposición, alimentación e almacenaxe), servizos de restauración e carpintería. Para as prácticas participaron un total de 26 empresas e 4 institutos da comarca de Ferrolterra para impartir a formación.

Díaz López apuntou que este programa lévase a cabo desde o ano 2001 cunha porcentaxe de media de inserción laboral do preto do 30 por cento. Desde entón tomaron parte nesta iniciativa do Goberno galego máis dun millar de alumnos dos que aprobaron máis de 700 e máis de 320 seguiron estudando.

A directora xeral de Emprego apuntou, por último, que para o curso 2015/2016 ofertarase formación e prácticas nas especialidades de comercio (reposición e almacenaxe), industrias alimentarias, hostalería e carpintería.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, puxo en valor a FP Básica, -unha modalidade de ensino posto en marcha por primeira vez este pasado curso en substitución das PCPI-, que permiten a continuación de estudos de alumnos que, doutro xeito, terían abandonado o sistema. Segundo explicou Corredoira, a principal vantaxe é que os estudantes de FP Básica disporán dun título homologado cando rematen os seus estudos, e dálles acceso a unha avaliación final para obter o título de graduado en ESO e a ciclos de FP de grao Medio.

Así mesmo, o director xeral de Educación salientou a importancia da colaboración institucional no eido da educación así como a cooperación co tecido socio-produtivo co fin de garantir unha boa cualificación profesional e a empregabilidade dos titulados.

26 de xuño de 2015 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.