Tres detidos por varios roubos en establecementos comerciais de Lalín

Efectos incautados
A Garda Civil detivo a E.B.H., de 32 anos de idade, a A.G.H., de 24 e a M.R.DV., de 26, todos eles veciños de Valladolid, como supostos autores de varios roubos en establecementos comerciais de Lalín.
Por mor das denuncias presentadas no Posto Principal da Garda Civil de Lalín, sobre roubos en establecementos comerciais da localidade con similar “modus operandi”, rotura do bombillo da fechadura da porta de acceso ao local, compoñentes do referido posto iniciaron as oportunas investigacións para o esclarecemento destes feitos delituosos.
Así, na madrugada de hoxe, despois de recibir unha chamada telefónica de colaboración cidadá, procedeuse á detención destes tres valisoletanos cando tentaban entrar nunha barbaría forzando a fechadura da porta de entrada.
Unha vez identificados procedeuse á súa detención e incautación dun extractor de cerraxería e varios desaparafusadores que portaban nunha bolsa de plástico.
Conducidos ás dependencias oficiais da Garda Civil procedeuse á instrución das correspondentes dilixencias imputándoselles a autoría de oito roubos máis, non descartándose novas imputacións por máis delitos da mesma índole.
Os detidos, que carecen de antecedentes desfavorables excepto M.R.DV., que ademais lle consta unha requisitoria de procura, detención e personación, xunto coas dilixencias instruídas serán entregados no Xulgado de Instrución número DOUS de Lalín.











