Trasládase á casa do concello de Lalín da réplica do tímpano románico de Palmou
A Deputación trasladará hoxe a réplica do tímpano románico de Palmou desde a Escola de Canteiros ata a casa do concello de Lalín, segundo establece o convenio de colaboración asinado o 13 de febreiro de 2015 entre a entidade provincial e o Concello de Lalín.
Trátase dunha réplica do tímpano do século XII depositado no Museo de Pontevedra, un dos seis tímpanos existentes en Galicia nos que se representa a Sansón loitando co león.
Réplica elaborada pola Escola de Canteiros
A escultura, que hoxe se traslada á capital de Deza, foi elaborada polos alumnos da Escola de Canteiros nun taboleiro de granito silvestre serrado con fío de diamante, cun custo total de 4.138 euros. As dimensións orixinais do tímpano son de 185 x 92 x 22 cm.
Esta réplica do tímpano románico de Palmou instalarase no corredor de entrada da casa do concello de Lalín.
Segundo o convenio asinado pola Deputación e o Concello, este último asumirá os custos do traslado da peza escultórica e a súa instalación; ademais, farase cargo do mantemento e conservación desta réplica.
Obra emblemática do século XII
O tímpano de Palmou, obra emblemática da arte relixiosa en Galicia, sufriu múltiples avatares desde que foi retirada do seu emprazamento orixinal, a igrexa de San Xoán, en Lalín. Durante moitos anos deuse por desaparecida, ata que a finais dos anos 90 Carlos Sastre Vázquez atopou o seu rastro en Italia.
A Deputación, a través do Museo de Pontevedra, púxose mans á obra e en 2005 conseguiu devolver esta xoia, datada entre 1150 e 1160, á provincia.
Na actualidade o tímpano de Palmou pode contemplarse no Museo de Pontevedra, no que se dan as mellores condicións para a súa conservación; desde hoxe tamén se poderá gozar da súa réplica en Lalín.











